España activa a fase de preemerxencia do PLEGEM ante a vaga de lumes: que significa isto para Galicia?

A última vez que se activou este plan foi por un apagamento eléctrico nacional; hoxe faise fronte ao lume que arrasa boa parte do país, coa provincia de Ourense coma un dos grandes epicentros da crise.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/08/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Ministerio do Interior declarou a fase de preemerxencia en situación operativa 1 do Plan Estatal Xeral de Emerxencias de Protección Civil (PLEGEM) na madrugada deste martes, ante a onda de incendios forestais que dende hai días arrasa diferentes puntos do país. Galicia, especialmente na provincia de Ourense, converteuse no epicentro desta crise, con focos de gran virulencia como o de Chandrexa de Queixa, que xa arrasou máis de 3.000 hectáreas e obrigou a evacuar a centos de persoas. As condicións meteorolóxicas --altas temperaturas, baixa humidade e rachas de vento intensas-- converteron esta campaña estival nunha das máis difíciles dos últimos anos. A última vez que se activou este plan foi o pasado mes de abril, ante a crise derivada do apagamento eléctrico a nivel nacional.

Un bombeiro trata de extinguir o lume
Un bombeiro trata de extinguir o lume | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

Noutras comunidades autónomas como Castela e León --nas Médulas consumíronse xa 1.500 hectáreas, provocando desaloxos--, Madrid --unha treboada seca derivou nun lume en Tres Cantos que avanzou ata as 1.000 hectáreas en minutos-- e Andalucía --en Tarifa os lumes causaron o desaloxo de máis de 2.000 persoas-- tamén se declararon lumes simultáneos, algúns deles de grande extensión, o que obrigou a despregar de maneira preventiva medios estatais como hidroavións do 43 Grupo do Exército do Aire, helicópteros Kamov, brigadas forestais BRIF e unidades da UME (Unidade Militar de Emerxencias). A declaración, aprobada na madrugada do martes, acompañouse da convocatoria do Comité Estatal de Coordinación e Dirección (CECOD), órgano central do PLEGEM encargado de avaliar, planificar e coordinar a resposta nacional.

QUE É O PLEGEM E EN QUE CONTEXTO SE ENMARCA A PREEMERXENCIA?

O Plan Estatal Xeral de Emerxencias de Protección Civil (PLEGEM) é o instrumento marco que regula como se organiza e coordina a resposta do Sistema Nacional de Proteción Civil ante emerxencias e catástrofes, especialmente cando estas son de interese nacional ou cando se require asistencia do Estado para reforzar a capacidade das comunidades autónomas. Non é un plan específico para un único tipo de risco, senón un plan multirrisco que pode activarse ante lumes forestais, inundacións, terremotos, grandes accidentes industriais ou emerxencias sanitarias, entre outros supostos.

Este plan, aprobado polo Ministerio do Interior, define as fases de activación, os órganos de dirección e coordinación, e os procedementos para mobilizar recursos, tanto nacionais como internacionais. Nel, Protección Civil desempeña un papel central: a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias (DGPCE) e o Centro Nacional de Seguemento e Coordinación de Emerxencias (CENEM), asegura a vixilancia permanente, a avaliación de riscos e a activación de recursos estatais cando a magnitude dunha crise así o esixe.

Varias persoas observan o incendio en Zamorela, a 11 de agosto de 2025, en Chandrexa de Queixa, Ourense
Varias persoas observan o incendio en Zamorela, a 11 de agosto de 2025, en Chandrexa de Queixa, Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

A FASE DE PREEMERXENCIA: DEFINICIÓN OFICIAL E ALCANCE REAL

A fase de preemerxencia do PLEGEM, segundo a definición oficial (apartado 6.1.2), declárase cando a evolución dunha emerxencia --xa sexa un incendio forestal, unha inundación ou outro evento-- pode requirir a mobilización de recursos de protección civil doutras comunidades autónomas ou da propia Administración Xeral do Estado. Tamén pode activarse se xa se está xestionando unha emerxencia que levou á activación de plans autonómicos ou estatais e é preciso incorporar medios adicionais que poderían mesmo chegar dende o Mecanismo Europeo de Protección Civil ou dende outros Estados membros da UE mediante acordos internacionais.

O seu obxectivo non é asumir o control da emerxencia --que segue en mans das comunidades autónomas--, senón anticipar e preparar a resposta do Estado para que, se a situación se agrava, a mobilización de recursos sexa inmediata e a coordinación entre administracións estea xa en marcha. Implica, por tanto, un seguemento intensivo, o establecemento de canais reforzados de comunicación e a posible preposición de medios técnicos e humanos en puntos estratéxicos.

SITUACIÓN OPERATIVA 1 E OS SEGUINTES NIVEIS: CANDO E COMO SE ESCALA

  • Situación operativa 1:  É a máis baixa da fase de preemerxencia e declárase cando a emerxencia pode ser controlada cos recursos ordinarios das comunidades autónomas afectadas, aínda que poida requirir apoios puntuais. A coordinación segue estando en mans da autonomía, pero o Estado --a través do CENEM-- inicia un procedemento de comunicación reforzada, que inclúe intercambio constante de información, avaliación conxunta do risco e, sobre todo, vixilancia para previr unha escalada cara niveis superiores de emerxencia. Nesta situación, a DGPCE informa aos organismos estatais potencialmente implicados (Ministerio de Defensa, Garda Civil, Policía Nacional, AEMET, entre outros) e, se é preciso, a organismos internacionais, para que estean preparados ante unha posible activación de medios.
  • Situación operativa 2: Se a situación empeora, cando os medios autonómicos resultan insuficientes, é precisa a aportación significativa de recursos estatais ou doutras comunidades. A coordinación nacional intensifícase e o CECOD pasa a ter un papel moito máis activo na xestión.
  • Situación operativa 3: Xa implica que a emerxencia pode derivar en interese nacional, requirindo unha dirección centralizada dende o Ministerio do Interior e a mobilización masiva de recursos, incluída a posibilidade de solicitar axuda internacional.
  • Emerxencia de interese nacional ou situación operativa E: Finalmente, se a crise se declara emerxencia de interese nacional, o Estado asume a dirección total das operacións, a UME adoita ser designada como Dirección Operativa da Emerxencia e actívanse todos os mecanismos do Sistema Nacional de Protección Civil.

PRECEDENTES: DO APAGAMENTO Á DANA PASANDO POLA CRISE DA COVID

A última vez que o Goberno de España activou o PLEGEM, ademais no seu máximo nivel operativo, foi durante o apagamento masivo acontecido en toda España o pasado mes de abril. O Goberno declarou naquel entón a emerxencia de interese nacional --situación operativa E-- en oito comunidades autónomas, entre elas Madrid, Andalucía, Galicia e a Comunidade Valenciana, despois de que estas solicitasen apoio estatal fronte ao colapso eléctrico. Esta declaración implicou que o Ministerio do Interior asumira a dirección centralizada da emerxencia, coordinando os recursos estatais, autonómicos e locais precisos para atallar as consecuencias.

Tamén se activou o PLEGEM durante a DANA que golpeou con especial dureza á Comunidade Valenciana entre o 29 de outubro e o 4 de novembro de 2024. Naquel episodio, as intensas choivas e o desbordamento de ríos e barrancos provocaron inundacións xeralizadas, danos materiais millonarios e o desprazamento forzoso de miles de persoas. A Generalitat Valenciana solicitou reforzos estatais e declarouse a situación operativa 2 do plan, o que permitiu a mobilización de medios da Administración Xeral do Estado, pero mantendo a dirección do operativo en mans autonómicas. Aínda que a magnitude da emerxencia chegou a despregar á UME e a activar recursos aéreos e terrestres de maneira preventiva, o Ministerio de Interior nunca elevou a alerta a situación operativa 3, antesala da declaración de emerxencia de interese nacional.

Outro precedente clave foi a crise sanitaria provocada pola pandemia da covid, cando o PLEGEM se activou a nivel nacional en marzo de 2020. Ante a rápida expansión do virus e a presión sobre o sistema sanitario, o Goberno declarou formalmente a emerxencia de interese nacional, o que supuxo situar ao Estado na dirección total do operativo, coordinando a todas as comunidades autónomas baixo un mando único. A activación do plan permitiu mobilizar de maneira masiva recursos humanos e materiais, incluídos efectivos da UME para labores de desinfección, loxística e apoio sanitario, así como canalizar axuda internacional.

ACTIVACIÓN DO PLEGEM ANTE GRANDES LUMES PASADOS

En Galicia, existen antecedentes dramáticos de incendios forestais nos que o Goberno central tivo que intervir con forza. No 2006, a comunidade sufriu máis de 1.900 incendios que arrasaron entre 77.000 e 90.000 hectáreas. O Estado despregou todos os seus medios aéreos e terrestres dispoñibles, incluídas as BRIF e a UME, nunha das operacións máis masivas rexistradas, aínda que sen chegar a declararse formalmente a situación operativa E. No 2017, coincidindo co furacán Ophelia, unha vaga de lumes afectou a Galicia e ao norte de Portugal, causando a morte de catro persoas. A magnitude da crise obrigou a mobilizar de novo recursos estatais de maneira urxente, incluíndo avións anfibios, helicópteros e efectivos militares, pero novamente sen alcanzar o nivel máximo do plan.

No 2022, a pesar de ser un dos anos máis duros en décadas en materia de incendios forestais, con sinistros tan devastadores como os da Serra da Culebra (Zamora) ou Ateca (Zaragoza), o PLEGEM tampouco chegou á situación E de emerxencia de interese nacional. Aínda que si se declararon, en cambio, situacións operativas 1 e 2, que permitiron a activación formal da vixilancia reforzada e a coordinación co Estado, así como o despregamento significativo de medios estatais --incluíndo á UME, brigadas forestais BRIF, avións anfibios e helicópteros Kamov--, pero sempre baixo a dirección das comunidades autónomas afectadas. Esta xestión intermedia reflexa como o PLEGEM tamén se emprega non só para asumir o mando en crises nacionais, senón para artellar unha resposta preventiva ou de apoio reforzado sen desprazar á autoridade autonómica.

Gandeiro propietario de algo máis de cen vacas en Teixeira, tenta sufocar o lume nun dos refuxios dos animais, a 10 de agosto de 2025, en Maceda, Ourense
Gandeiro propietario de algo máis de cen vacas en Teixeira, tenta sufocar o lume nun dos refuxios dos animais, a 10 de agosto de 2025, en Maceda, Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta