Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2025 | Actualizada ás 14:38
Alcaldes de municipios afectados polos incendios forestais, "impotentes" nalgúns casos polos efectos da virulencia das chamas, coinciden en que o importante agora é a extinción, pero tamén reivindican "cambios" a longo prazo e ven necesaria "unha reflexión" de todas as administracións e velar polo rural.
En declaracións a Europa Press, o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez (BNG), recalcou que, sen "unha reflexión profunda", non poderá haber melloras significativas na xestión e modelo do rural galego. "Eu non son un experto, pero creo que hai que deixar que opinen os gandeiros, que saben o que hai que facer para coidar o monte. Soubérono toda a vida", esgrimiu.
A modo de argumento, incidiu na importancia das "queimas controladas", á vez que puxo en dúbida os datos de hectáreas que proporciona a Administración autonómica nas súas estimacións. "Xa che digo eu que aquí ardeu bastante máis", advertiu, á vez que confesou sentirse "impotente" fronte ás chamas e, mesmo, "ninguneado".
"Non é o mesmo estar a falar agora, a pleno día, de como está a situación que ver o que pasou onte pola noite", relatou e lembrou que o alcalde é a cara visible para os veciños, aínda que non teña mando en praza no operativo de extinción, nin coordine nada.
Sen grandes danos materiais polo momento, aínda que si algún peche de casas e alpendres queimados, o rexedor incidiu no risco que supón o feito de que sexan os propios veciños, ou voluntarios municipais, os que asuman a defensa das súas propiedades e fogares.
"Non somos profesionais", esgrimiu, antes de subliñar que, en todo caso, logrouse contribuír e puidéronse salvar algunhas naves con animais que estiveron en perigo.
"SON NECESARIOS CAMBIOS"
Pola súa banda, a popular Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, apela tamén a unha reflexión conxunta, aínda que subliña que agora non é o que toca, senón que hai que priorizar apagar os incendios. En todo caso, coincide en que "ten que haber cambios" no modelo de xestión do rural.
"Hai que cambiar as leis, que se poida axilizar a limpeza. Ardeu no limpo, imaxínache no que non o está", lamentou a rexedora, que constatou que a situación mellorou nas últimas horas. O núcleo máis afectado foi o das Chas.
RUEDA E O "POTENTE" DISPOSITIVO DA XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu o "potente" dispositivo de extinción de incendios da Administración autonómica que, segundo apuntou o titular do Goberno galego, desde que empezou o mes de agosto apaga "entre 30 e 50 incendios diarios".
En declaracións aos medios este mércores no Centro de Coordinación, en Santiago, o mandatario autonómico sinalou que son "uns 250 máis dos que houbo que extinguir no mesmo período do ano pasado".
Doutra banda, pediu "responsabilidade" a toda a cidadanía afectada para que siga as indicacións dadas polos profesionais que se atopan nunha zona de incendios. Demandou que "non actúen pola súa conta" e que "atendan ás indicacións dos profesionais".
Así mesmo, Alfonso Rueda aproveitou a súa intervención para advertir a "os incendiarios", insistindo de novo en que "moitos dos incendios son provocados". Así, asegurou que continuarán traballando "con todos os medios" para detectalos e, se se acredita que teñen responsabilidades, polos a disposición da xustiza,.
ALERTA VERMELLA POR CALOR
A Xunta mantivo o nivel vermello de alerta por calor na comarca ourensá de Valdeorras e rebaixa a nivel laranxa a montaña e sur de Lugo e a montaña e sur de Ourense.
Desta forma, os concellos que están en alerta na montaña de Lugo son: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.
No sur da provincia de Lugo afecta os concellos de: Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.
En canto á provincia de ourense, as localidades da montaña que están en alerta por calor son: O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
Así mesmo, no sur de Ourense están en aviso: Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Celanova, Cualedro, Entrimo, Gomesende, Laza, Lobeira, Lobios, A Merca, Monterrei, Muíños, Oímbra, Paderne de Allariz, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
O nivel vermello de Valdeorras afecta ao Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.