Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2025 | Actualizada ás 16:23
Entre abrazos de familiares e bágoas chegaron este mércores ao Parque Acuático de Monterrei, en Ourense, os máis de 100 nenos e nenas que foron confinados en Manzaneda ante o incendio iniciado no municipio de Chandrexa. A emoción primou, tras unha noite “impactante” e “cargada de tensión”, segundo informaban monitores e campistas.
Sobre as 11.50 horas chegaban ás piscinas de Monterrei os catro autobuses que transportaban a 86 nenos dos campamentos anuais da Xunta de Galicia —que tiñan previsto rematar este xoves— e a 45 do campamento Os Ventos da Coruña, que comezaran a súa estancia tres días antes, segundo indicou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses. As familias, que os agardaban con nervios, viviron momentos de alivio e emoción ao poder abrazalos.
Os menores pasaron a noite no interior da estación de montaña, tras a decisión do CECOP de confinarlos para evitar unha evacuación prematura por estradas que puidesen estar afectadas polo lume. O incendio que ameazou a zona foi unha reprodución doutro rexistrado a finais de xullo, reavivado por refachos de vento de ata 50 quilómetros por hora e humidade relativa moi baixa. Equipos da UME e a BRIF de Laza executaron queimas controladas para protexer as instalacións.
Ao longo da tarde do martes, pais e nais recibiron chamadas informando da situación, e durante a noite enviáronse tamén correos electrónicos para manter o contacto. “O máis seguro era que quedasen na estación”, insistiron desde a Xunta. Algúns proxectaran achegarse a Manzaneda, pero as vías cortadas obrigáronos a agardar en Ourense.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou o “esforzo moi importante” para asegurar o perímetro, mentres a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou o “comportamento exemplar” de rapaces e monitores. Este mércores permaneceron no Parque de Monterrei ata as 20.00 horas para que as familias puidesen recollelos, con opción de quedar na Residencia Xuvenil de Ourense no caso de que non puidesen volver a casa.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inspeccionou a estación e constatou que os danos non foron de gravidade, aínda que se queimou parte do cableado eléctrico e resultaron afectadas a tirolina e o circuíto Bike Park. As instalacións permanecerán pechadas esta fin de semana, coa previsión de retomar a tempada de campamentos e acometer as reparacións necesarias canto antes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.