O Festival Groba de música clásica difundirá a obra do compositor do 5 ao 12 de agosto en Ponteareas (Pontevedra)

A localidade acollerá xornadas formativas para novos intérpretes a cargo do violinista Emmanuele Baldini e ofrecerá concertos gratuítos

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2016 | Actualizada ás 14:16 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Ponteareas (Pontevedra) acollerá entre o 5 e 12 de agosto o Festival Groba de música clásica no que participarán intérpretes de distintos países e a través do que se "difundirá" a "extensa obra" do compositor ponteareano Rogelio Groba Groba, así como a de novos creadores.

Así o indicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, este mércores nunha rolda de prensa en Santiago, na que explicou que nesta cita, que este ano celebra a súa cuarta edición, se interpretarán diversas obras autoría do compositor galego.

Neste contexto, tamén se ofrecerán xornadas formativas para novos artistas que serán impartidas polo violinista italiano Emmanuele Baldini e nas que participarán oito novos artistas procedentes de diferentes países, como Xapón e Estados Unidos.

Os alumnos seleccionados prepararán e interpretarán o repertorio italiano barroco para violín en orquestra, e centraranse en maior medida "nas catro estacións' de Vivaldi.

MÚSICOS PARTICIPANTES

Respecto ao festival musical, no acto de presentación, o violinista e fillo do compositor ponteareano, Rogelio Groba Otero, destacou que este evento permite a "difusión de novos valores profesionais". Así, valorou que participen "grandes músicos", como os violinistas Guy Braunstein, Clara Jumi Kang e o coruñés Pablo Vidal.

Así mesmo, o festival musical contará coa presenza do violinista Rogelio Groba Otero, a frautista Gili Schwartzman, as violistas Kyoungmin Park e Lea Hennino e as pianistas Kasia Wieczorek e Yeol Eum Son, así como os intérpretes de violoncelo Zvi Plesser e Massimo Macri. Neste evento tamén se estreará unha obra do novo compositor Luís Álvarez.

Ademais, Rogelio Groba Otero indicou que, durante a semana na que se desenvolverá o festival, se ofrecerán concertos gratuítos todos os días que serán interpretados por artistas invitados e membros da Orquestra de Cámara Galega e estarán abertos ao público en xeral.

Finalmente, no acto de presentación, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, afirmou que se trata dun festival "consolidado" e comprometeuse a prestar o apoio municipal para "asegurar" o seu mantemento.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA