Pontón reclama a Puente abrir a "porta aberta" por Bruxelas sobre a AP-9 "sen dilación"

A portavoz do BNG insiste en que os galegos seguen pagando unha "peaxe abusiva", en lugar de circular gratis pola "principal vía comunicación terrestre" de Galicia, igual que sucede nas "autoestradas desa xeración"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2025 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A portavoz nacionalista do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao ministro de Transportes, Óscar Puente, na que insta a "aproveitar a porta aberta" pola Comisión Europea para executar "sen máis dilación" o rescate da AP-9.

Xunto ao escrito, con data de este xoves, a formación nacionalista achegou un informe elaborado pola Universidade da Coruña (UDC) que cifra este rescate en 904,7 millóns de euros. Segundo recolle Pontón, á hora de facer a valoración económica, o estudo utilizou o valor de mercado actualizado co IPC, é dicir, o valor que un terceiro estivo disposto a pagar pola AP-9 no momento da súa venda seis anos antes.

Esta comunicación chega un día despois de que o Goberno confirmase que respondeu 'in extremis' ao ultimato dado por Bruxelas pola prórroga da concesión da AP-9, xa que a Comisión Europea considera que vulnerou as regras da Unión Europea en materia de contratación pública.

Na carta, Pontón insiste en que, a día de hoxe, os galegos e galegas seguen pagando unha "peaxe abusiva", en lugar de circular gratis pola "principal vía comunicación terrestre" de Galicia, igual que sucede nas "autoestradas desa xeración". "Supón unha discriminación inaceptable", engade.

Con todo, a líder do BNG lembra que os responsables desta "discriminación" son, primeiro, a prórroga de 10 anos aprobada polo goberno de Felipe González e a posterior de 25 anos aprobada polo goberno do PP de José María Aznar.

"Pero no BNG pensamos que, máis aló da repartición de responsabilidades, agora é o momento de achegar solucións, de aproveitar a porta aberta pola Comisión Europea para rescatar a AP-9 e facer xustiza con Galiza", urxe ao ministro.

INFORME DA UDC

No escrito, Pontón precisa que o custo recollido pola UDC ten en conta outra cuestión "esencial": "Se a Comisión Europea declara ilegal a ampliación da concesión, non ha lugar ao pago de lucro cesante, porque a empresa non tería dereito a esta indemnización, como indica a propia xurisprudencia do Tribunal Supremo".

Desta forma, a líder nacionalista considera que o estudo demostra que o rescate é "posible, viable e a mellor alternativa para Galiza e para o conxunto do Estado". Neste sentido, urxe ao Goberno a aproveitar a "oportunidade" de Bruxelas e optar "sen máis dilación" por esta opción. "Esperamos atopar en uste, como ministro de Transportes, un aliado", conclúe.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG / Europa Press / Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta