Por Europa Press / Redacción | OVIEDO | 23/09/2025 | Actualizada ás 14:40
Dezaoito dos 22 procesados que se sentaron este martes no banco da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Oviedo por tráfico de cocaína en Asturias chegaron a conformidade no primeiro día da vista oral. Entre os que non chegaron a un acordo atópase o histórico narco galego Laureano Oubiña, para o que a fiscalía solicita a pena 4 anos e 9 meses de prisión.
Os feitos remóntanse ao 8 de novembro de 2017, cando foi interceptado un vehículo da organización con 4.105 gramos de cocaína ocultos baixo o tapizado, cunha pureza do 78,5 % e un valor de 164.803 euros á altura da Caridade (El Franco). En rexistros posteriores interviñéronse drogas por valor de 27.475 euros, como cannabis, heroína, así como diñeiro en efectivo, armas en perfecto estado de funcionamento e diversa documentación contable, tal e como destalla Fiscalía.
Segundo o escrito fiscal, a estrutura estaba "xerarquicamente ordenada, con funcións perfectamente definidas e mantidas no tempo", e contaba con "medios materiais e económicos relevantes" que lles permitiron adoptar medidas de seguridade como o uso de armas de fogo, vehículos a nome de terceiros e distribución de estupefacientes "mesmo por quilos". O Ministerio Fiscal engade que a organización recorría de forma habitual á modalidade de "fiado" para evitar manexar diñeiro en efectivo que puidese comprometerlles en caso de operación policial.
O Ministerio Público sostén que, por baixo dos máximos responsables, outro grupo de integrantes realizaba funcións de distribución e recadación, mentres que intermediarios xestionaban a adquisición de cocaína a provedores externos a Asturias. A Fiscalía considera que os feitos son constitutivos de delitos de tráfico de drogas, tenencia ilícita de armas e catro dos acusados están tamén procesados por branqueo de capitais. As penas solicitadas oscilan entre os 16 anos de prisión e multa de 688.000 euros e os 3 anos e medio de cárcere, coa agravante de reincidencia en sete dos procesados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.