Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2025 | Actualizada ás 16:13
O xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, pediu ás forzas políticas que non utilicen aos menores migrantes como motivo de confrontación, tras o ataque con cócteles molotov ao edificio que a asociación cedeu á Xunta en Monforte de Lemos para acoller un centro con arredor de 80 prazas. "Todo o mundo ten dereito a opinar e dubidar, é enriquecedor, pero sentándonos e dialogando", subliñou en declaracións a Europa Press.
O inmoble foi asaltado na madrugada do pasado sábado provocando importantes danos en salas comúns como o comedor e a cociña, aínda que o fume afectou a outras dependencias. A Policía Nacional mantén varias liñas de investigación abertas e aínda non identificou aos responsables. Cortiñas cualificou o sucedido de "desagradable" e afirmou que prefire pensar que non foi un monfortino quen cometeu o ataque, lembrando que a cidade "sempre foi aberta e solidaria".
O responsable de Prodeme defendeu que a inmigración é "positiva" para a sociedade, sempre que veña acompañada de recursos e apoios como psicólogos e pedagogos que axuden á integración. Reclamou que os menores non sexan "abandonados" e destacou que a súa formación e inserción no mercado laboral pode ser unha oportunidade para o futuro da comunidade. "Se somos capaces de integralos, formalos… creo que é positivo para todos", sinalou.
Prodeme naceu como proxecto de residencia para maiores con discapacitados ao seu cargo, pero quedou baleiro durante 12 anos por falta de financiamento. En canto ao futuro do edificio, agora, tras o convenio coa Xunta, o espazo destinarase ao centro de menores migrantes, aínda pendente da autorización da policía xudicial para iniciar as obras de reparación tras o ataque.
LEA NO PLENO ENTRE O GOBERNO DA XUNTA E A OPOSICIÓN
Unha proposición non de lei do PPdeG sobre menores migrantes, que será votada durante este mércores, 24 de setembro, provocou un choque entre os populares e a oposición a raíz do ataque. Esta iniciativa, autoenmendada polo PP, pide a condena dese ataque. Tamén instará á Xunta a dirixirse ao Goberno central para reclamar que dote ás comunidades do financiamento necesario para "manter" aos menores migrantes "distribuídos" polo territorio.
Así, a deputada popular Raquel Arias afirma que o sucedido en Monforte "é intolerable" e esixiu á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que "retire as súas palabras coas que acusou ao PP e ao presinte da Xunta de promover discursos de odio" --a líder nacionalista culpou ao "discurso racista" de Alfonso Rueda do atentado--. "Non tente crispar", espetou.
Critica a "imposición" do Goberno central de 317 menores migrantes a Galicia, polo que asegura que "non queda máis remedio que facer centros máis grandes a estes menores". Quéixase de que acoller aos menores "vai custar a todos os galegos 30 millóns cada ano", "sen ningunha axuda do Goberno central". Reproba que Pontón "culpaba á Xunta, a propia vítima", de "ser a autora intelectual do ataque", polo que considera que o Bloque está "absolutamente desnortado".
A INICIATIVA "É UNHA AUTÉNTICA VERGOÑA"
En fronte, Ariadna Fernández (BNG) mostrou o "rexeitamento total" ao ataque racista e xenófobo de Monforte, que "é unha indecencia". "De nada valen as condenas e facer autoemendas a última hora" para condenar, di, cando a propia iniciativa na súa exposición "é lamentable e é unha auténtica vergoña". Pon de exemplo que a iniciativa do PP fala de "distribuír' (menores) porque son caixas" e "manter' (menores) porque son animais".
A deputada nacionalista responsabiliza á Xunta de "crear un gueto" en Monforte porque "están a seguir o delirio político ao seu líder en Madrid". Reprocha ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, de "relacionar inmigración con delincuencia". "Un fascismo que agora non se ruboriza ao presentarse en sociedade, que reparte panfletos en institutos en Monforte hoxe pola tarde", alerta.
Pola súa banda, Silvia Longueira (PSdeG) acusou aos populares de que "practican vostedes a xenofobia encuberta", que o que fai "é irritar a unha sociedade". "Por favor, señora (Paula) Prado, é vostede insufrible moitas veces", chegou a asegurar durante un bronco debate na tarde deste martes. Esta proposta do PPdeG, que se votará este mércores, tamén pide cumprir a orde do Tribunal Supremo de acoller a un milleiro de menores solicitantes de asilo que se atopan en Canarias. Ademais, esixe ao Goberno central "abandonar a política de imposición" sobre a repartición de menores, que os populares consideran que "é inxusta e arbitraria" e que "só beneficia" aos socios do PSOE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.