Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2025 | Actualizada ás 13:55
Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) descubriron que o tratamento máis común para o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) non só mellora os síntomas condutuais, senón que tamén afecta á forma en que nenos, nenas e adolescentes procesan os estímulos sensoriais.
En concreto, trátase dun equipo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS) e dous grupos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a USC.
O estudo, liderado polo grupo en Xenómica e Bioinformática deste Centro Singular, que inclúe o Grupo de Investigación en Cognición, Neurodesenvolvemento e Xénero e o Grupo de Farmacoxenómica e Descubrimento de Medicamentos (GenDeM) do IDIS, consistiu nunha revisión sistemática de estudos europeos, na que se analizaron preto de 600 publicacións.
Conforme informou a USC, os resultados confirman que o metilfenidato (MPH), o fármaco máis utilizado para tratar o TDAH, mellora o equilibrio e normaliza a percepción da dor, aínda que pode deteriorar a capacidade para discriminar cheiros.
"Ningún estudo europeo abordara ata agora como os biomarcadores farmacogenéticos inflúen na resposta sensorial ao metilfenidato. O noso traballo abre unha liña prometedora para avanzar cara a tratamentos máis personalizados", explica Montse Fernández Prieto, que lidera o Grupo de Investigación en Cognición, Neurodesenvolvemento e Xénero do grupo de Medicina Xenómica.
IMPACTO SENSORIAL DO TRATAMENTO
O TDAH é o trastorno do neurodesenvolvemento máis común en nenos, nenas e adolescentes. Os seus síntomas principais, déficit de atención e/ou impulsividade e hiperactividade, afectan o rendemento escolar, a vida familiar e as relacións sociais. Con todo, hai pacientes que tamén presentan alteracións no procesamento sensorial.
Esta investigación mostra que o metilfenidato ten efectos concretos sobre os sentidos. A nivel de audición, o uso de ruído branco mellora o rendemento en tarefas cognitivas en pacientes tratados/as.
No que respecta ao equilibrio, mellora o control postural e a estabilidade corporal e a nivel da dor, permite unha percepción do mesmo máis axustada fronte a aquelas persoas non tratadas, que tenden a sentir menos dor do habitual. No que a olfacto se refire, obsérvase unha peor discriminación de cheiros nalgúns pacientes tratados.
"Estes achados lémbrannos que os tratamentos non só inflúen na conduta, senón tamén en como as persoas con TDAH a tratamento con MPH interpretan o mundo que as rodea. Comprender estes cambios é clave para mellorar a súa calidade de vida", sinala Fernández Prieto.
CAMIÑO CARA AO MEDICAMENTO PERSONALIZADO
O estudo tamén subliña o potencial dos biomarcadores farmacogenéticos para adaptar a medicación ás características individuais de cada paciente.
"O adaptar certos medicamentos ao perfil farmacogenético do paciente xa é unha realidade nos nosos hospitais galegos. Para metilfenidato queda por descubrir que rexións no ADN vannos a permitir optimizar os efectos terapéuticos e minimizar os efectos secundarios do fármaco. Niso estamos a traballar, no desenvolvemento dun medicamento máis personalizado na abordaxe do TDAH", sinala Olalla Maroñas Amigo, líder do grupo GenDeM.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.