O BNG reclama ao Goberno novas embarcacións para vixilancia aduaneira: "Houbo semanas con todas en reparación"

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha proposición non de lei na que tamén pedía a transferencia do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SAVA) á Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2025 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha proposición non de lei para reclamar ao Goberno a dotación de novas embarcacións para o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) en Galicia e a súa transferencia á Xunta. A iniciativa, segundo trasladou o Bloque nunha nota de prensa, denuncia que o servizo sofre carencias graves: "falta de persoal, envellecemento da súa frota marítima, precarización laboral e constantes avarías nos medios dispoñibles".

"Houbo semanas enteiras nas que todas as embarcacións estaban en reparación e a costa galega quedou sen a debida cobertura e vixilancia. Esta situación é intolerable", censurou Rego. Así, a iniciativa busca autorizar a utilización provisional de embarcacións incautadas pola SVA para destinalas ás bases marítimas de Galicia, asegurando a operatividade en todas elas. Do mesmo xeito, o BNG reclama "modificar os pregos de condicións nas licitacións de novas embarcacións, dividindo os contratos en lotes para evitar atrasos e garantir a entrega simultánea das naves".

Doutra banda, insta a abrir negociacións para transferir o Servizo de Vixilancia Aduaneira á Xunta de Galicia, de maneira que se poida asegurar unha xestión "máis próxima e eficaz". Segundo explicou o parlamentario nacionalista, "o Goberno debe actuar con urxencia", xa que "non se pode permitir que un servizo crave para a vixilancia da costa galega quede paralizado por falta de medios". Ademais, o deputado apuntou que existen embarcacións comisadas que permanecen inmobilizadas en portos como Alxeciras, "mentres as bases galegas seguen sen barcos en condicións".

O deputado do BNG Néstor Rego durante unha rolda de prensa anterior á Xunta de Portavoces, no Congreso dos Deputados, a 23 de setembro de 2025
O deputado do BNG Néstor Rego durante unha rolda de prensa anterior á Xunta de Portavoces, no Congreso dos Deputados, a 23 de setembro de 2025 | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta