Cumio do PPdeG cos seus alcaldes de menos de 5.000 habitantes: "Pedimos máis recursos ao Goberno central"

Con Paula Prado á cabeza, reuníronse este xoves en Begonte, onde criticaron a aprobación da Lei de Mobilidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2025 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Begonte acolleu unha reunión da Comisión de Pequenos Municipios do PPdeG, presidida pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, xunto ao alcalde local, José Ulla, e o coordinador do órgano, José Ángel Santos. No encontro, os populares reivindicaron a necesidade de reforzar os servizos e recursos básicos no medio rural, fronte ao que cualificaron como a "falta de sensibilidade" do Goberno central cara a Galicia.

Paula Prado criticou duramente ao PSOE e ao BNG por apoiar no Congreso a Lei de Mobilidade Sustentable, "unha norma que, segundo denunciou, deixará sen parada de autobús estatal a 22 municipios galegos e a máis de 130.000 veciños". "É un novo agravio de Sánchez a Galicia e unha mostra do desprezo do Goberno central cara ao rural", afirmou.

Prado destacou que o PPdeG goberna actualmente en case o 60% dos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes, e traballa para ampliar a súa representación nas eleccións municipais de 2027. "O noso compromiso co rural é firme: cada galego, viva onde viva, debe ter acceso aos servizos fundamentais", subliñou.

"COMPARTIR EXPERIENCIAS E SOLUCIÓNS"

O alcalde de Begonte, José Ulla, agradeceu a elección do seu municipio para celebrar a reunión, destacando a importancia de "compartir experiencias e solucións". Puxo como exemplo a xestión local do abastecemento e saneamento de auga, que garante o servizo a todos os núcleos de poboación, dous polígonos industriais e as explotacións gandeiras do municipio.

Ulla tamén destacou o mercado local de enerxía, unha iniciativa que permite a Begonte producir a súa propia enerxía, reducindo o custo eléctrico tanto para o concello como para os veciños. "É unha mostra de que os pequenos municipios tamén podemos ser innovadores e sustentables", concluíu.

Reunión da Comisión de Pequenos Municipios do PPdeG. ÍÑIGO ROLÁN
Reunión da Comisión de Pequenos Municipios do PPdeG. ÍÑIGO ROLÁN | Fonte: Europa Press

DEPENDENCIA

O PPdeG tamén acusou ao PSdeG de "alarmar" e emprazou á formación liderada por José Ramón Gómez Besteiro a "centrar os esforzos" en presionar ao Goberno de Pedro Sánchez para que "abone os máis de 2.500 millóns de euros" que, segundo sinalan, "debe a Galicia pola dependencia".

Así o sinalou nun comunicado remitido aos medios a portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, despois de que este xoves a deputada socialista Silvia Longueira, acusase á Xunta de levar a Galicia "á cola" da dependencia por "falta de vontade política".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta