Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2025 | Actualizada ás 15:38
O viceportavoz do BNG Luís Bará acusou á Xunta de "blindar unha compensación" á multinacional portuguesa Altri para cando "o proxecto (que quere instalar en Palas de Rei) fracase" e, segundo expuxo, fíxoo a través do "acordo secreto" coa Sociedade Impulsa, que foi disolta o pasado mes de agosto.
"Vostedes blindaron neses acordos secretos a compensación a Altri por todos os millóns de investimentos. Foi unha das condicións que lles puxo Altri. Como Altri ía presentar un proxecto ante os seus accionistas con risco de que fracasase se vostedes non o blindaron antes?", cuestionou o parlamentario nacionalista nunha pregunta en comisión parlamentaria ao secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez.
Así, Bará aproveitou para volver pedir ao Executivo autonómico que envíe "toda a documentación" sobre este proxecto ao Parlamento e que "fagan públicos" os documentos, "por transparencia e por democracia".
Así mesmo, denunciou que no acordo con Impulsa o Goberno galego "chegou a modificar leis" a través da lei de acompañamento para cambiar "pola porta de atrás" e, deste xeito, "indemnizar a Altri polos investimentos que xa fixo no proxecto cando fracase". "E non me refiro ao medio millón de compensación se o proxecto non se aproba no prazo dun ano, senón a outra parte dese acordo", advertiu.
Ademais, acusou ao Executivo autonómico de cambiar a normativa "que rexe os proxectos industriais estratéxicos vía emendas do PP ao proxecto de lei de áreas empresarias".
"OPERABA NO ÁMBITO PRIVADO"
Na súa resposta, o secretario xeral, reprochou a Bará que formulase unha pregunta na documentación da sesión da Comisión e despois "introduce cuestións que algunhas non merecen nin comentario".
En todo caso, Vázquez defendeu que xa contestou a "máis de 40 preguntas sobre Impulsa", defendendo que se trata dunha sociedade que "operaba no ámbito privado", polo que "podía asinar acordos con entidades privadas".
En canto aos acordos asinados entre Impulsa e Altri, o responsable autonómico asegurou que as fases de tramitación dun proxecto están previstos na normativa vixente e son independentes de como se conceptualiza un proxecto.
Así, insistiu en que a iniciativa de Altri está a tramitarse "de forma transparente" e asegurou que se envío ao BNG "toda a información".
Respecto doutras afirmacións como a "posible nulidade do procedemento" ou "depurar responsabilidades", Vázquez dixo que lle custa "comentalo sen un sorriso". "Sería conveniente que unha persoa formada como vostede, representante da cidadanía, mostrase un pouco máis de respecto polas institucións públicas e deixe de verter insidias e acusacións veladas mesmo deixando caer cousas que sabe que non hai", relatou.
Ademais, tamén instou a Bará a explicar "como afecta a lei de áreas empresariais a Altri". "En que momento está regulada nunha área empresarial! Síntoo, pero non ten ningún sentido", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.