Como Galicia se está convertendo na despensa de eucalipto barato das pasteiras portuguesas

Portugal consome entre 10 e 12 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano, pero só produce entre 7 e 8. Galicia cobre o burato, asumindo o custo ambiental dun modelo cada vez máis desequilibrado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 07/10/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As fábricas lusas de celulosa consomen máis madeira da que producen os seus montes. Galicia cobre ese déficit, converténdose nunha despensa forestal que abastece o corazón industrial de Navigator e Altri. En Galicia, o eucalipto ocupa unhas 419.051 hectáreas segundo o Inventario Forestal Continuo do ano 2023, das que arredor do 80 % corresponden a 'Eucalyptus globulus' --nas franxas costeiras atlánticas-- e o resto a 'Eucalyptus nitens' --no interior--. Dado que Galicia ten 29.574 quilómetros cadrados (2,96 millóns de hectáreas), isto supón que aproximadamente o 14,2 % do territorio está ocupado por eucaliptos, representando esta especie case o 25% da superficie forestal arbolada da comunidade.

Unha das plantas de tratamento de papel que The Navigator Company ten en Portugal
Unha das plantas de tratamento de papel que The Navigator Company ten en Portugal | Fonte: mundopapel.com - Arquivo

A súa presenza aumentou de forma constante nas últimas décadas: se comparamos os datos actuais cos do IV Inventario Forestal Nacional (2009-2011), cando se contabilizaban arredor de 325.000 hectáreas, o crecemeto é dun 28,8 % en pouco máis dunha década, malia a moratoria e as medidas de contención. En Portugal, o eucalipto alcanza aproximadamente as 844.000 hectáreas, segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN6-ICNF) sobre un país con 92.212 quilómetros cadrados (9,22 millóns de hectáreas), o que equivale a unha ocupación de arredor dun 9,1 % do total do territorio e o 26 % da superficie forestal nacional. É dicir: Portugal suma máis superficie absoluta e é o país europeo con maior superficie total de eucalipto no seu territorio, si, pero en Galicia a proporción sobre o territorio é maior, cunha densidade moito máis elevada. En concreto, a proporción de eucaliptos sobre o total do territorio é un 55 % maior en Galicia que en Portugal, o que converte á nosa terra nun dos territorios máis saturados de eucaliptos de Europa.

Ademais, a fragmentación do minifundio fai que moitas desas hectáreas estean repartidas en miles de pequenas parcelas, o que dificulta a plafinicación e o control efectivo das políticas forestais. Nas provincias atlánticas (A Coruña, Pontevedra e norte de Lugo) predomina o 'Eucalyptus globulus', máis valorado polas pasteiras. No interior (sur de Lugo e Ourense), esténdese o 'Eucalyptus nitens', máis resistente ao frío pero con menor rendemento en fibra. Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, máis do 60 % das novas plantacións ilegais detectadas entre 2020 e 2023 producíronse en zonas do interior, onde o nitens coloniza antigas terras agrícolas e pastos. Este desequilibrio territorial supón que Galicia non só concentra máis eucalipto proporcionalmente, senón que o fai en ecosistemas máis diversos e sensibles, substituíndo pradeiras, carballeiras e piñeirais. E, ao ter un territorio moito máis pequeno ca Portugal, o impacto paisaxístico e ambiental é moito máis visible e profundo.

CONSUMO INDUSTRIAL: CANTO 'COME' CADA LADO E CANTO HAI QUE IMPORTAR

En Portugal, o sector pasteiro está liderado por The Navigator Company e Altri, dúas multinacionais que concentran case toda a produción de pasta de papel do país. A capacidade anual conxunta de Navigator --con plantas en Setúbal, Figueira da Foz e Aveiro-- supera os 1,6 millóns de toneladas de pasta, mentres que Altri --a través das súas filiais Celbi, Caima e Celtejo-- achega arredor de 1,1 millóns de toneladas adicionais. Isto sitúa o total portugués por enriba dos 2,7 millóns de toneladas de pasta ao ano, segundo datos de CELPA, a asociación da industria papeleira lusa. Con rendementos medios de 4 a 4,5 metros cúbicos de madeira por tonelada de pasta, estas cifras tradúcense nun consumo anual de entre 10 e 12 millóns de metros cúbicos de eucalipto, mentres que a produción forestal nacional apenas cobre entre 7 e 8 millóns de metros cúbicos ao ano.

Imaxe dunha fábrica de Altri en Vila Velha de Ródao (Portugal)
Imaxe dunha fábrica de Altri en Vila Velha de Ródao (Portugal) | Fonte: PEDRO DAVILA - Arquivo

O resultado é un déficit estrutural de arredor de 3-4 millóns de metros cúbicos anuais, que Portugal cobre mediante importacións crecientes de madeira, especialmente de Galicia, debido á súa proximidade, á presenza de 'Eucalyptus globulus' de alta calidade e a custos loxísticos competitivos. En Galicia, Ence --con fábricas en Pontevedra e Navia-- declara unha capacidade instalada de 1,2 millóns de toneladas de pasta ao ano, o que implica un consumo estimado de máis de 4 millóns de metros cúbicos de madeira, fundamentalmente de eucalipto globulus e nitens. Segundo datos internos e publicacións sectoriais, só a planta de Navia consome arredor de 1,8 millóns de metros cúbicos anuais, mentres que Pontevedra absorbe outros 2,2 millóns aproximadamente. Esta demanda é satisfeita sobradamente cos aproximadamente 5,8 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto que produce Galicia en total ao ano.

A compañía asegura que case toda a madeira procede de orixe local, é dicir, de Galicia e do occidente de Asturias, o que intensifica a presión sobre o monte galego e consolida o seu papel como principal despensa forestal ibérica. En resumo, mentres Portugal depende estruturalmente das importacións galegas para alimentar as súas fábricas, Galicia mantén unha produción forestal fortemente orientada á exportación e ao abastecemento da industria pasteira, cedendo valor engadido fóra do territorio e asumindo os custos ambientais e sociais dun modelo baseado no monocultivo. Así, cada día, centos de camións cargados de eucalipto cruzan a fronteira Galicia-Portugal (a coñecida 'raia'). O custo do transporte resta marxe ao propietario, pero a proximidade xeográfica fai que, mesmo pagando 5-12 euros por tonelada de loxística, ás pasteiras portuguesas lles compense máis que traer fibra doutros continentes.

RÉCORD DE BENEFICIOS NUN MODELO CON CUSTOS AMBIENTAIS

No último exercicio, as tres grandes pasteiras da península ibérica --The Navigator Company e Altri, en Portugal, e Ence, en Galicia-- rexistraron resultados históricos, impulsadas pola forte demanda global de pasta branqueada de eucalipto (BHKP) e pola recuperación dos prezos internacionais, que se moveron en 2024 entre os 950 e os 1.050 euros por tonelada segundo o índice FOEX PIX. No seu conxunto, estas tres compañías sumaron máis de 3.000 millóns de euros en beneficios netos, consolidando o seu liderado no negocio da celulosa e reforzando a súa estratexia de integración vertical e expansión internacional.

  • Navigator pechou 2024 cun volume de vendas de 2.088 millóns de euros e un beneficio neto de 287 millóns, o segundo mellor da súa historia. A empresa, que opera tres das maiores plantas de pasta e papel de Europa (Setúbal, Aveiro e Figueira da Foz), presume de solidez financeira e alta eficiencia operativa. Porén, a súa débeda neta ascendeu a 617 millóns de euros, froito dun plan de investimentos industriais superior aos 240 millóns, centrado na modernización, descarbonización e novas liñas de papel tisú e embalaxe sustentable.
  • Altri duplicou beneficios, alcanzando os 107 millóns de euros e un EBITDA un 59 % superior ao do exercicio anterior, cunha marxe operativa do 26 %, récord absoluto para a compañía. A súa carteira de proxectos inclúe a futura macroplanta de fibras téxtiles en Palas de Rei, impulsada xunto á multinacional brasileira GreenFiber, e que xerou unha contestación social e ambiental sen precedentes, ao considerarse un proxecto de alto impacto hídrico e territorial
  • Ence pechou 2024 con beneficios de 31,6 millóns de euros, deixando atrás as perdas acumuladas en 2023. O seu EBITDA ascendeu ata 165 millóns, practicamente o dobre que no exercicio anterior, impulsado por unha caída do custo medio de produción ata os 493 euros por tonelada, unha mellora na eficiencia enerxética das plantas de Pontevedra e Navia e a recuperación do prezo da celulosa nos mercados internacionais. Ademais, reforzou a súa división de enerxías renovables con biomasa, que achega xa arredor do 25 % do seu resultado operativo.

Fábrica de Ence en Pontevedra
Fábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: CHOU PESQUEIRA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta