Manifestación histórica en Santiago contra o "xenocidio" e a ocupación israelí en Palestina

Miles de persoas piden o fin da matanza e claman contra o goberno sionista de Netanyahu. BNG, PSdeG e Sumar apoian a protesta. O PPdeG insiste en que sempre pediu "parar" a intervención israelí en Gaza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2025 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

Miles de persoas --15.000 segundo a estimación da Policía Local e 80.000 segundo a organización-- encheron a compostelá Praza do Obradoiro para clamar "contra o xenocidio e a ocupación en Palestina" nunha multitudinaria manifestación que colapsou a capital galega, tal e como destacou a organización.

Baixo a lema 'Galiza con Palestina, dous anos de xenocidio, 77 anos de ocupación', a manifestación partiu da Alameda compostelá ao redor das 12.00 horas e percorreu as rúas do centro da capital galega ata chegar á Praza do Obradoiro. De feito, a cantidade de asistentes fixo que a lectura do manifesto se tivo que levar a cabo cando aínda non chegaran todos os manifestantes ao final do percorrido.

Bandeiras palestinas, kufiyas e centos de sandías --froita que se converteu nun símbolo para a loita palestina-- foron algúns dos protagonistas da xornada, que contou coa participación de xente de todas as idades e moi heteroxénea. En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, Óscar Baladares, da Coordinadora Galega de Solidaridade con Palestina, aseverou que "o xenocidio é só unha fase, son 77 anos de ocupación e, por tanto, hai que continuar mobilizando ao pobo galego para dar resposta".

"O que reclamamos é que termine a ocupación de Palestina e que os palestinos teñan o seu estado libre e independente, que teñan os seus dereitos como calquera outro pobo e que vivan en paz e en dignidade", esgrimiu Sami Ashour da Coordinadora Galega.Con todo, foron varios os líderes políticos que se sumaron a esta manifestación, entre eles, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral do PSdeG,José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, entre outros.

Manifestación pedindo a fin do xenocidio en Gaza
Manifestación pedindo a fin do xenocidio en Gaza | Fonte: remitida

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a "lección de dignidade" que está a dar a sociedade galega que se mobiliza este domingo en Santiago para dicir "alto e claro" que hai que "parar o xenocidio" en Palestina. Así, mostrou o seu "orgullo" ante unha cidadanía galega que "alza a voz e non mira para outro lado".

En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, a nacionalista sinalou que "os galegos e galegas saen hoxe ás rúas para falar por todo o pobo palestino que non pode facelo, por todas aquelas persoas sepultas baixo as bombas e os cascallos, por todos os nenos que non tiveron infancia", dixo.

PSdeG

Tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou este domingo a tomar a "posición responsable" e loitar "contra o silencio e a indiferenza" fronte á situación que se está vivindo en Gaza. Así, Besteiro encabezou a delegación socialista na manifestación convocada en Santiago "contra o xenocidio perpetrado por Israel contra a poboación palestina".

Así o defendeu o líder dos socialistas galegos antes de iniciar a marcha, en declaracións aos medios advertiu de que a manifestación convocada en Santiago e noutras partes do mundo, "son un clamor que chega a quen padece o xenocidio e tamén aos genocidas, aos que levantan muros e sementan o odio, pero tamén a aqueles que xustifican a barbarie".

SUMAR

Mentres que o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, celebrou a "asistencia masiva" á manifestación convocada este domingo en Santiago.  Así, asegurou estar ante "unha Galicia viva, que apoia a causa palestina, que non é inmune á inxustiza, a pesar dos repetidos intentos do PP por negar en genoicidio".

PPdeG

Pola súa banda, o presidente do PP na Coruña e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu a postura do PP sobre a ocupación israelí en Palestina e asegurou que "só queda" que os populares se "alisten na fronte".

"Só nos queda alistarnos nunha fronte que se poida chegar a constituír. Eu creo que somos bastante claros en que apoiamos desde o primeiro momento o paro de todas as accións que leva a cabo Israel. Condenamos esas accións, pedimos que haxa un proceso de paz, que se chegue a unha solución", asegurou nunha entrevista na Cadea Ser, recollida por Europa Press. Diego Calvo considerou que a postura do PP "está bastante clara" e outra cousa, continuou, é ser "o primeiro encabezando unha protesta".

FLOTILLA

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, anunciou que "se nada se torce" un grupo de 21 españois que formaban parte da Flotilla retidos en Israel abandonarán Tel Aviv este domingo para chegar a España "ao longo do día de hoxe".

"Desde o Ministerio de Asuntos Exteriores organizamos todo para que hoxe mesmo poidan voar a Tel Aviv. Desde Tel Aviv temos o acordo das autoridades israelís e, se nada se torce, hoxe mesmo, ao longo do día, chegarían a España o primeiro grupo de 21 españois e españolas dos 49 en total que, nestes momentos, temos na nosa lista", afirmou o ministro en declaracións á Canle 24 Horas de RTVE, recollidas por Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta