Temas: TEATRO

O Eroski Paraiso de Chévere chega a Cangas

A nova representación de Chévere Eroski Paraíso é un relato de varias xeracións da Galicia actual.

Por GC Tendencias | Cangas | 07/07/2016 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Narra a historia da sala de festas Paraíso que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas.  Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra, naceu ao pechar o Paraíso. Logo emigraron e andaron dun lado a outro. Vintecinco anos despois, Eva traballa en Muros no supermercado que hai onde estaba o Paraíso. Antonio segue en Canarias e Álex fai o seu primeiro documental sobre seus pais.

Ensaio de Chévere para a Ultranoite
Ensaio de Chévere para a Ultranoite | Fonte: redenasa.tv

As entradas para a actuación organizada polo Concello de Cangas poden mercarse en Ataquilla dende só 8 euros. Será este sábado 9 de xullo a partir das 22:30 horas no auditorio municipal da vila do Morrazo. 

Chévere é unha compañía xa clásica. Con 29 anos de traballo ás costas, é coñecida pola súa proposta tan irreverente como xenuina e un sólido compromiso social, político e cultural. No ano 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro.

As obras de Chévere levan ao palco os debates do presente, documentándoos escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi son obras recentes como Testosterona (2009), a triloxía de Citien (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) ou As Fillas Bravas (2015). 

Temas: TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta