O satélite europeo Gaia, con participación galega, ofrecerá os primeiros datos o 14 de setembro

Científicos das universidades da Coruña e Vigo desenvolveron os algoritmos para que Gaia clasifique os corpos celestes nunha misión que busca cartografiar máis de mil millóns de estrelas da nosa galaxia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/07/2016 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O satélite astrométrico Gaia, lanzado o 19 de decembro de 2013 e operativo desde o 25 de xullo de 2014, ofrecerá os primeiros datos da misión o 14 de setembro de 2016. Esta misión espacial da Axencia Espacial Europea (ESA, nas súas siglas en inglés) supón tamén un novo fito para Galicia, xa que coparticipou na súa confección. O Laboratorio Interdisciplinar de Intelixencia Artificial que dirixe o catedrático Bernardino Arcay na Universidade da Coruña, así como a astrofísica Minia Manteiga e a súa homóloga viguesa Ana Ulla, participaron activamente, desde os seus inicios, no proxecto, desenvolvendo os algoritmos para que Gaia clasifique os corpos celestes.

Satélite Gaia
Satélite Gaia | Fonte: ESA.

O obxectivo de Gaia é cartografiar máis de mil millóns de estrelas da nosa galaxia, ofrecendo datos de posicións, paralaxes e movementos propios cunha precisión inferior a un miliarcosegundo. Para poder alcanzar este nivel de precisión sen precedentes, é necesario levar a cabo un complexo procesamento de datos, para o que son necesarias as observacións realizadas ao longo dos cinco anos da misión. Por iso, os resultados finais de Gaia non estarán dispoñibles ata principios da próxima década, aínda que se previu difundir previamente parte dos datos a medida que vaian aumentando as observacións.

Os primeiros datos de Gaia, que se presentarán de forma online o 14 de setembro, incluirán as posicións e a magnitude G duns mil millóns de estrelas, calculados a partir das observacións realizadas entre o 25 de xullo e o 16 de setembro de 2015.

Ademais, publicarase unha solución astrométrica de cinco parámetros, que proporcionará as posicións, as paralaxes e os movementos propios dun determinado subconjunto de datos, correspondentes a uns dous millóns de estrelas incluídas tanto no catálogo Tycho-2 como no de Gaia. É o que se coñece como a Solución Astrométrica Tycho-Gaia (TGAS).

Tamén se publicarán os datos fotométricos das estrelas variables RR Lyrae e Cefeidas, observadas frecuentemente durante un modo de varrido específico que pasaba repetidamente polos polos eclípticos.

A data desta primeira publicación de datos de Gaia foi anunciada hoxe por Anthony Brown, director do Consorcio para o Procesamento e Análise de Datos (DPAC) de Gaia, durante o simposio científico da rede internacional GREAT na Semana Europea da Astronomía e as Ciencias do Espazo celebrada en Atenas. O DPAC está formado por un numeroso equipo paneuropeo de científicos expertos e desarrolladores de software, con contribución da ESA, encargados de preparar e producir os catálogos de Gaia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta