Presentan nun libro a historia da informática en Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia recolle nun volume a cronoloxía dos acontecementos máis importantes arredor da computación no noso país e das ciencias que a acompañan. O libro preséntase hoxe na Cidade da Cultura.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 05/07/2016 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presenta hoxe un ambicioso traballo que leva por título “Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía” (Andavira Editora), un volume que nace baixo a coordinación de Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e membro da Xunta de Goberno do CPEIG, e polo presidente deste colexio, Fernando Suárez Lorenzo, con Henrique Neira como responsable da edición dos textos.

Primeiros computadores dixitais da Universidade de Santiago de Compostela. Imaxes do libro “Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía”
Primeiros computadores dixitais da Universidade de Santiago de Compostela. Imaxes do libro “Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía” | Fonte: CPEIG.

O libro preséntase hoxe ás 19.30 horas no auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, diante dunha ampla representación académica, empresarial e profesional do sector TIC, nun actopresidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. 

“Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía” é un primeiro achegamento á historia desta disciplina, que o CPEIG agarda ampliar no futuro. É, segundo explican dende o propio CPEIG, o primeiro produto dun proxecto máis amplo para recuperala e difundila.  

O libro foi ideado como unha cronoloxía que, ao longo de máis de duascentas páxinas, busca mostrar que existe en Galicia desde hai séculos unha tradición de coñecementos de cálculos matemáticos e astronómicos; sistemas de numeración, de medida e de comunicación; construción, comercio e uso de aparellos de precisión como reloxos, autómatas e máquinas de calcular; estudo e produción de bibliografía científica; ensinanza e moitas profesións relacionadas. 

O prólogo do libro correu a cargo de Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega das Ciencias, quen explica no limiar: “Tras un notable e meritorio esforzo de recompilación de información, procedente de moi diversas fontes, esta organízase cronoloxicamente na dobre perspectiva mencionada e vaise debullando, época a época, ano a ano, atendendo aos fitos máis importantes, desde 42000 a.C.”.

Pola súa banda, o presidente do CPEIG escribe: “Recoller toda esta evolución no presente libro é para o CPEIG, máis que un desafío, case unha obriga. Ademais da enorme cantidade de información existente en hemerotecas, temos a inmensa fortuna de poder contar co testemuño de moitos dos protagonistas desta revolución na nosa comunidade”. 

Mediante o libro, o CPEIG  recolle e pon en coñecemento da sociedade casos de éxito nos que Galicia é todo un referente. “Saber de onde vimos e valorar con satisfacción o noso protagonismo pasado, é fundamental para poder tomar decisións que nos permitan ser líderes na construción da Sociedade do Coñecemento”, sinala Suárez Lorenzo. 

ORIXES

Precisamente, a introdución do libro sinala que antes dos computadores houbo en Galicia na década dos cincuenta tabuladoras, e antes delas calculadoras electromecánicas e mecánicas, máquinas contables, máquinas de calcular, regras de cálculo, aritmómetros, libros de logaritmos e de contas axustadas, ábacos...

Os primeiros computadores utilizados en Galicia datan da década dos sesenta do século XX: o primeiro foi seguramente o computador analóxico EAI TR-20 que debeu comezar a utilizarse na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1962-1963; nos anos seguintes varias empresas e institucións instalaron os seus propios computadores e en 1969 a propia Universidade incorporou un IBM 1130 dixital. 

O crecemento do sector da informática foi acompañado da formación dun gran número de profesionais: dos seus arquivos persoais recupéranse datos e imaxes que serviron para compoñer o libro que o CPEIG presentará o martes.

Para que este libro saíse á luz, o CPEIG contou coa colaboración de empresas e institucións a como patrocinadores: Altia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Bahía Software, Cluster TIC de Galicia, Emetel, Epson, Everis, HPE-Intel, Indra,Oracle, Plexus, R, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta