Galicia lidera un plan europeo para trasladar a innovación tecnolóxica ao trato ao paciente

No proxecto, coordinado por ACIS, participan entidades de Alemaña, Polonia, Italia, País Vasco, Holanda e Escocia

Santiago de Compostela | 05/07/2016 | Actualizada ás 14:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Galicia coordinará un plan europeo xunto con outras sietes entidades de toda Europa para o "intercambio e implantación" de sistemas tecnolóxicos no ámbito da saúde, centrado principalmente no envellecemento activo da poboación.

No proxecto 'TITTAN' -siglas en inglés de 'Translation, Innovation & Techonology Transfer in Ageing Network'-, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) liderará un equipo no que participan organismos do ámbito da innovación en saúde de Alemaña, Escocia, Italia, País Vasco, Polonia e Holanda.

O plan, seleccionado entre 261 candidaturas, conta cun presuposto de 1,7 millóns de euros procedentes de fondos europeos dos que o goberno galego achega 380.000 euros e desenvolverase ata setembro de 2020.

'TITTAN' foi presentado este martes na Consellería de Sanidade en Santiago pola directora da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento de Saúde, Sonia Martínez.

No acto tamén estiveron presentes os representantes das entidades galegas que participan no proxecto; a presidenta do Clúster de Saúde, María Gómez-Reino, a directora de área de Programas da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Pilar Morgade, a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), Carme Pampín, e o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, Roberto Alonso.

DÚAS FASES DE DESENVOLVEMENTO

Entre os obxectivos do programa está o traslado de iniciativas xurdidas do ámbito sanitario ao mercado e viceversa, así como fomentar "accións que impliquen aos cidadáns" como, por exemplo, a plataforma 'E-Saúde', que se atopa en fase piloto e que permite aos cidadáns a consulta do seu historial clínico ou o tratamento de citas e informes médicos a través dunha aplicación para teléfonos intelixentes.

O proxecto 'TITTAN' ten dúas fases. A primeira desenvolverase nun prazo de 30 meses nos que se manterán reunións e talleres entre os axentes implicados para "o intercambio de boas prácticas a nivel europeo" e a elaboración dun plan de actuación co fin de implantar esas experiencias e ideas.

O segundo, de 24 meses de duración, ten como obxectivo implantar os plans elaborados anteriormente, así como un proceso de "monitorización" das accións para "poder ofrecer ás rexións participantes a oportunidade de reorientar o uso de fondos estruturais cara a politicas máis efectivas" no ámbito do envellecemento activo da poboación.

Deste modo, Santiago de Compostela acollerá os días 5, 6 e 7 de setembro un "taller interrexional" onde estarán presentes os axentes do proxecto e outras "entidades relevantes" onde avaliarán as posibilidades para captar proxectos innovadores xurdidos do mercado e a súa posterior implantación nos sistemas públicos de saúde.

"IDENTIFICAR AS DEMANDAS"

A directora de ACIS destacou a participación das diferentes entidades galegas de innovación en saúde presentes no proxecto 'TITTAN', que aínda que se "solapen" certos apartados, tamén se "complementan".

Pola súa banda, Roberto Alonso asegurou que un dos principais obxectivos do programa é "identificar e cubrir as demandas específicas de colectivos" para poder, deste modo, "seguir avanzando" e desenvolvendo "produtos innovadores".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA