Temas: CASTELAO

Arte e cidade: A mostra de Castelao

A mostra Meu Pontevedra! xira entorno o traballo artístico de Castelao entre 1916 e 1936 realizado na cidade de Pontevedra. Nesta exposición aparece a enerxía que Castelao adicou en perfeccionar da arte da caricatura, o compromiso político e o labor de ser escritor e o seu propio ilustrador, estando presente a vida social e intelectual galega.

Por Iria-Frine Rivera Vázquez | A Coruña | 12/07/2016 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Castelao dende 1916

Castelao
Castelao | Fonte: Iberfoto

Xunto a esta presentación escénica do mundo de Castelao, aparecen fotografías e obras de e sobre el: o retrato fotográfico tomado por Ksado, a súa interpretación na película Miss Ledyia en 1916 e a primeira das súas auto caricaturas (de entre 1916 e 1918). En relación a este tema é notable o libreto da súa conferencia Algo acerca de la caricatura en 1917, data arredor da cal xira a extensa produción de caricaturas de amizades e figuras públicas coma Carlos Sobrino Buhigas (1915), Francisco Javier Sánchez Cantón (1916), Xesús Rodríguez Corredoyra (1916) e Masaka Yodogawa (1916-1917). O lado delas resulta interesante a ilustración que Castelao fai para o libro Beethoven teósofo, escrito por Mario Rosso de Luna, publicado en 1915 por Javier Pintos Fonseca e con debuxos de Castelao en 1916.

Xunto coas caricaturas, as pinturas e debuxos de Castelao sobre Pontevedra ocupan gran parte das salas. Obras coma Serán na ría (1920), Ría de Pontevedra. Fronte a Tambo (1920-1922), O carballo do quinteiro (1922), O prado (s.d) e Paisaxe con piñeiros (1923) conducen a reprodución da mostra que Castelao e Sobrino Buhigas fixeron no estudio fotográfico Saéz Mon e Novos en 1917. A orixinal visión do escaparate deste estudio engade drama e colorido a exposición, servindo de escenario para observar O Cristo de Casal Dourado (1915) de Buhigas, unha pintura que recibiu a 3ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de 1915 e as obras El buen cura (1917) e Cuento de ciegos (1915) de Castelao, tamén premiada na Exposición Nacional do mesmo ano. Do tríptico do Cuento pode verse a parte esquerda e central, que converteuse no agasallo de voda de Castelao a Francisco Llorens cando casou en 1919.

Dada a vitalidade de Castelao en Pontevedra, aparecen as actividades e traballos aos que adicouse nestes anos, como o seu ingreso en 1916 no club Karepas, que nacera imitando aos clubs de remeiros británicos en 1907. As obras de Castelao realizadas para cafés tamén son abundantes; as caricaturas destinadas as tarxetas dunha cea de Entroido organizada polo Liceo Casino en 1918, están acompañadas de fotografías dos interiores do Café Moderno e o Café Méndez Núñez. Deste período sobresae A tentación de Colombina, pintura de grandes dimensións realizada en 1917 para a decoración do Café Royalty. A súa marcada estética modernista supón o final desta primeira fase para, a continuación, dar lugar a exuberante década de 1920.         

Nós, consolidación do seu estilo, viaxe por Europa e investigacións arqueolóxicas

Galicia. Diario de Vigo. Martes 14 de Agosto de 1923. Primeira plana. ¡Ten razón!, por Castelao. “Todas estas son as armas que manexa a inxustiza”.
Galicia. Diario de Vigo. Martes 14 de Agosto de 1923. Primeira plana. ¡Ten razón!, por Castelao. “Todas estas son as armas que manexa a inxustiza”.

O comezo dos anos 20 está marcado polo nacemento da revista Nós en Pontevedra en Xuño de 1920. A idea da revista xurdira das reunións de Antón Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Vicente Risco e Castelao no Café Méndez Núñez. Unha vez escollido o nome -Nós- o seu director é Vicente Risco e o director artístico Castelao. Por este motivo desta época resaltan a caricatura de Losada Diéguez de 1920 e distintos retratos de Risco. Del están presentes un esbozo preparatorio, así coma dúas versións do mesmo retrato datados en 1920.

Da revista Nós poden observarse varias ilustracións deseñadas por Castelao; orlas con motivos orientais de paisley, un floreiro de cinco dedos e dunha prolífica vide. Tamén os debuxos destinados a ilustrar os números 1, 2 e 3, bosquexos de ilustracións e varios exemplares do 1 ao 9 da revista Nós, incluíndo o número 33 que permite contrastar o tipo de cuberta dos primeiros números cos posteriores. As obras destes anos mostran trazos mais definidos, visibles en Autocaricatura (1916), Leñador (1916-1918) e Mariñeiros de Rianxo (1916-1918).

Este avance estilístico veuse igualmente enriquecido pola súa viaxe por Europa, concretamente a Francia, Países Baixos e Alemaña en 1921. Ademais de poder apreciarse os debuxos a cor e anotacións do seu Diario, tamén poden ollarse os catálogos das exposicións que viu na súa viaxe. Son sinalados Aquarelles, pastels et dessins par Renoir (da Galerie Durand-Ruel), Salon des humoristes. Catalogue illustre de 40 dessins inédites (da Galerie LaBoetie) e da Exposition Rembrandt en Amsterdam. Polas influencias que absorbe desta viaxe son notables obras coma a tráxica versión que Castelao fai en 1921 da táboa central do Retablo de Isenheim, pintada por Matthias Grünewald entre 1512 e 1516, a abstracción de Figura oriental (1921) e o futurista O cego que veu de neno (1921).    

Desta época prolífica o Álbum Nós é un dos traballos que concentra maior forza. Ademais dos debuxos do álbum, pode verse documentación relacionada coa súa publicación, que sairía finalmente en 1931. Durante estes anos de actividade tamén ten lugar a fundación da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, fundada en 1925 por Losada Diéguez, Iglesias Vilarelle, Blanco Porto e o propio Castelao, quen sería o seu presidente entre 1929 e 1932. Coetánea a esta actividade é o impulso do traballo arqueolóxico de Castelao; trátase dunha angueira que crecería tras a fundación do Seminario de Estudos Galegos en 1923, do cal foi responsable da imaxe xeográfica e coordinador da Sección de Artes e letras.

Do seu traballo abundan os estudos de cruces galegas e bretonas, debuxos, correspondencia e fotografías do SEG tomadas por Ksado. Tamén está presente a súa colaboración coa Sociedad Arqueológica de Pontevedra, da cal existen debuxos e apuntamentos como os da estela galaico-romana de Ouzande. Esta estela xunto a un dintel con imaxes de pesca do século XV, ambos atopados por Castelao, están incluídos na exposición e culminan as investigacións arqueolóxicas que fixera Castelao.

Política, ilustración literaria e prensa

O cultivo da pintura e do debuxo nos anos 20 tradúcese nunha alta produción de obras, en especial retratos e paisaxes. O castiñeiro do val (1920), Estudos de mans. Autorretrato, o maxestoso Rapaza con trenzas, Cabalo, Álamo branco (1922) e as imaxes míticas de Qué ten o mozo? (1920), Picariños (1922-1927) e O neno das piñas (1926), son continuadas nas seguintes salas por Norte escuro (1920), Cons (1920-1922), Penedos (1925) e Terras de mañá (1926) definidas por unha maior abstracción.   

Nesta época resalta a súa experimentación co linóleo. Castelao estuda esta técnica en 1921, ano a partir do cal realiza numerosas obras e senta un precedente para artistas coma Pintos Fonseca, membro da Escola Linoleísta de Pontevedra que abre Castelao. Realiza deseños en linóleo para revistas, das cales están expostas Pinal para Ronsel (nº3, 1924) ou a portada de Nós (nº 30, 1926) así coma o cartel Exposición Castelao (1922), obras que expóñense xunto a caixa de gubias mercada en París en 1921 e matrices para gravar en linóleo.

A sala adicada as obras Un ollo de vidro e Cousas da Vida plasman a integridade da obra artística de Castelao, quen elabora unha ampla tarefa coma escritor pero tamén coma ilustrador das súas obras. Isto ponse de manifesto en Retrincos (1934) e Os dous de sempre (1934). Mais sobre todo destaca Un ollo de libro, do cal pode verse os bosquexos para a cuberta do libro (1922), os debuxos O enterrador, meu amigo (1922), O vampiro (1922), o esqueleto protagonista (Modelo de escenificación, 1923) e o cartel publicitario do libro (¡Alto! Merque vosté “Un ollo de vidro”, 1922).  

Ademais da ilustración dos seus relatos, tamén  están as ilustracións das obras de diversos escritores. Portadas coma Da terra asoballada de Cabanillas, Síntese xeográfica de Galicia de Otero, Os evanxeos da risa absoluta de Antón Vilar Ponte, o Catálogo dos castros galegos do SEG, a cuberta número 40 da revista do Balneario de Mondariz ou o libro Dous folk-dramas de W.B.Yeats, mostran non so a súa variedade creativa senón a capacidade para ilustrar o xénero que fora. A popularidade de Castelao veríase consolidada coas súas viñetas publicadas nos periódicos El Sol, Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo, nos cales publicou os debuxos que constitúen a exposición de Cousas da Vida entre 1922 e 1924.

Esta época conduce a derradeira das salas, centrada na actividade política que Castelao mantén durante a II República. Amósanse numerosas fotografías durante as súas campañas a prol do Estatuto, pero tamén documentos históricos, carteis e impresos da súa candidatura. Están presentes os seus carteis realizados en 1936 e correspondencia que mantivo con compañeiros políticos. Coma final pode verse o saír os documentos relacionados coa participación de Castelao na creación do Museo Provincial de Pontevedra en 1929. A idea xurdira en casa de Losada Diéguez e non so colaborou activamente no impulso do museo, senón que entregaríalle ao museo parte da súa produción artística. 

Tras observar a formidable Meu Pontevedra! as mensaxes dos debuxos expostos de  Cousas da vida ou do Álbum Nós, ofrecen unha perspectiva do traballo completo de Castelao tan atemporal e identificable como os da película Tempos Modernos de Chaplin.

Galicia. Diario de Vigo. Martes 31 de Xullo de 1923. Primeira plana. Leria, por Castelao: O Letrado: “E que non sabedes ser ciudadanos”. O Labrego: “Non se pode ser ciudadano onde non hai xustiza”.
Galicia. Diario de Vigo. Martes 31 de Xullo de 1923. Primeira plana. Leria, por Castelao: O Letrado: “E que non sabedes ser ciudadanos”. O Labrego: “Non se pode ser ciudadano onde non hai xustiza”.
Temas: CASTELAO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta