Morre outro dos grandes das letras galegas, Agustín Fernández Paz

Faleceu no seu domicilio de Vigo aos 69 anos. Fernández Paz era o gran engaiolador de nenos e adolescentes en lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/07/2016 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O escritor lucense Agustín Fernández Paz, un dos máis recoñecidos da literatura galega contemporánea, faleceu este martes no seu domicilio de Vigo aos 69 anos, segundo confirmaron desde a editorial Xerais.

O escritor Agustín Fernández Paz
O escritor Agustín Fernández Paz | Fonte: www.xn--espaaescultura-tnb.es

Nun comunicado, a editorial expresou as súas condolencias polo falecemento do literato e o seu persoal mostrouse "profundamente entristecido" pola súa desaparición.

Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947, estaba diplomado en enxeñería industrial mecánica, e licenciado en Ciencias da Educación. Foi profesor de lingua galega no ensino primario e no secundario e destacou por ser un dos grandes escritores galegos dos últimos tempos e, especialmente, polo seu compromiso ético e político.

A finais do pasado ano recibía o Premio de Creación Literaria dos Premios da Crítica e foi un dos activos impulsores do manifesto que antes das eleccións xerais de decembro pasado reclamaba unha candidatura conxunta entra as distintas forzas políticas nacionalistas e de esquerdas que, finalmente, non cuallou.

Pero sobre todo, Agustín Fernández Paz era un dos grandes escritores da literatura infantil e xuvenil galega, non só polo amplo número de obras publicadas, senón polo seu éxito cos lectores, pola cantidade das súas obras que foron traducidas, en especial ao castelán, ao catalán, ao éuscaro e ao portugués pero tamén ao asturiano, ao francés, ao árabe e ao coreano. Iso acredítano os premios acadados, tanto de ámbito galego como internacional, entre os que se atopa o Merlín, Lazarillo, o Rañolas ou o Raíña Lupa. Algunhas obras súas tamén foron seleccionadas para a Lista de Honra de IBBY. Foi nomeado Socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 2009.

Ademais, realizou un longo labor editorial para Edicións Xerais, coordinando durante moitos anos a colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Xose Manuel

DEP, grande Agustin

3 Balbino de Neira Vilas

Descanse en paz.... No corazón do bosque.

2 Hermerico

Este sim que era um grande, umha pessoa digna. Nom como o merdapsoe do Carlos Casares

1 Miro_

Por unha vez estamos de acordo.

1 Codesido

Unha grande perda para Galicia e a cultura galega