Temas: CARNOTA CCOO

Condenado o Concello de Carnota a indemnizar con 10.000 euros a unha traballadora municipal

A denunciante xa contaba cunha sentenza ao seu favor que declaraba a nulidade do seu despedimento.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 16/07/2016 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social n.º 1 de Santiago de Compostela admitiu a demanda presentada por unha traballadora municipal de Carnota por vulneración de dereitos fundamentais. A sentenza, contra a que cabe recurso, condena tanto o alcalde como o Concello a indemnizaren solidariamente a afectada con 10.000 euros.

Concello de Carnota
Concello de Carnota | Fonte: QPC

Segundo a resolución xudicial da que informou CCOO, os denunciados —alcalde e Concello— “vulneraron os dereitos fundamentais da traballadora” e declara “a nulidade do dito comportamento e o cesamento do mesmo, debendo repoñer a traballadora nas condicións do seu posto de traballo anteriores a tal conduta”.

Desde o ano 2013 son varias as sentenzas que declaran a nulidade dos despedimentos practicados polo Concello de Carnota. Por iso, CCOO insta o alcalde a acatar as resolucións xudiciais e a “deixar de malgastar o diñeiro da veciñanza en prácticas antisindicais que vulneran dereitos fundamentais”.

A traballadora fora despedida polo Concello, pero denunciou xudicialmente e logrou unha sentenza favorable que declaraba a nulidade do despedimento “por ser discriminatorio”. Os feitos declarados probados revelan o sometemento da traballadora a unha situación “que só persegue o seu prexuízo, que degrada as súas condicións de traballo, con repercusión noutras esferas da súa vida”. O xulgado salienta a “gravidade da situación”, pois a vulneración de dereitos deuse na reincorporación laboral, cando, malia os requirimentos xudiciais, non foi reposta nas condicións de traballo previas ao seu despedimento, o que acabou provocando a súa baixa médica.

Temas: CARNOTA CCOO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta