Investigadores galegos confirman que o consumo de alcol aumenta o risco de cancro de mama

Científicos de Santiago e Vigo realizaron o "primeiro estudo para examinar a asociación dos subtipos de cancro de mama e a inxesta de alcol nas mulleres españolas".

Por Alberto Quian | Santiago | 20/07/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O risco de padecer un cancro de mama aumenta co incremento da inxesta de alcol para tres dos catro subtipos principais desta enfermidade. Esta é a principal conclusión á que chegou un grupo de investigadores galegos tras estudar os casos diagnosticados en mulleres en Galicia entre os anos 1997 e 2014.

Unha muller explora as súas mamas.
Unha muller explora as súas mamas.

O estudo é relevante porque, aínda que "o consumo de alcol é un factor probado de risco para o cancro de mama en xeral, poucos estudos examinaron a relación entre o consumo de alcol e o risco de cancro de mama nos catro subtipos principais e existen moi poucos datos sobre a relación deste tipo de cancro co alcol nas mulleres españolas", xustifican os autores da investigación.

Para a súa investigación, os científicos estudaron 1.766 casos diagnosticados en Galicia entre 1997 e 2014 máis un grupo de control de 833 individuos. Os investigadores recolleron datos demográficos, factores de risco do cancro de mama e as características clínico-patolóxicas. E examinaron a asociación do cancro de mama co alcol de acordo cos principais subtipos deste tumor mamario [receptores de hormonas positivos, HER2 negativo (luminal A); receptores hormonais positivos, HER2 positivo (luminal B); receptores hormonais negativos, HER2 negativo (TNBC); e receptor hormonal negativo, HER2 positivo (sobreexpresión de HER2)], así como o grao e a morfoloxía das mulleres investigadas.

O que atoparon os científicos foi que, agás nos casos de sobreexpresión da proteína HER2, "o risco de todos os subtipos de cancro de mama aumentou significativamente co aumento da inxesta de alcol".

A investigación foi feita por científicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, do Moores Cancer Center da Universidade de San Diego (Estados Unidos) e dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago e Vigo. Os autores aseguran que se trata do "primeiro estudo para examinar a asociación dos subtipos de cancro de mama e a inxesta de alcol nas mulleres españolas". 

-------------------------------------------------

Gago-Dominguez, M., Castelao, J. E., Gude, F., Fernandez, M. P., Aguado-Barrera, M. E., Ponte, S. M., … Martínez, M. E. (2016). Alcohol and breast cancer tumor subtypes in a Spanish Cohort. SpringerPlus, 5, 39. http://doi.org/10.1186/s40064-015-1630-2.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta