Noriega recorda que un partido instrumental xa estaba nos documentos de Mareas en común, pero será debatido o 30

O rexedor compostelano lamenta a ausencia de Esquerda Unida no acto de Anova porque "sempre bota de menos a xente que valora"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2016 | Actualizada ás 15:15 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, recordou que a proposta de adscrición individual defendida polo líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, e que suporía, en esencia, a constitución dun partido instrumental para concorrer aos comicios de outono xa estaba recollida nos documentos de Mareas en común, que son os que se están a empregar como basee para a asemblea do próximo día 30 de xullo.

De feito, a preguntas dos medios un día despois da celebración do acto político do 25 de xullo no que o voceiro nacional de Anova defendeu a aposta desta formación política por un instrumento de adscrición individual para os comicios, Martiño Noriega ratificou que esta cuestión tamén será sometida a debate na asemblea impulsada polos alcaldes 'do cambio' que se celebrará o sábado en Vigo.

Noriega sinalou que a posibilidade dun partido instrumental e de adscrición individual existe, nos documentos, "e ten bastante consenso", pero sinalou que "será a xente a que teña a última palabra". Non obstante, resaltou que a adscrición individual non é incompatible "coas identidades partidarias" de cada un dos grupos membros.

Ao ser preguntado polas reticencias que esta proposta pode contar con Podemos Galicia, o alcalde argumentou que esa idea xa estaba presente e que haberá que esperar a esa última reunión para saber como será recibida.

Aínda que non é a postura que defende a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, o Consello Cidadán crítico con esta postura da líder da formación morada evitou, a través dunha votación telemática que gañou, que houbese un posicionamento en contra dun partido instrumental como fórmula para concorrer ás eleccións autonómicas.

AUSENCIA DE ESQUERDA UNIDA

Por outra parte, e preguntado pola ausencia de dirixentes de Esquerda Unida no acto de Anova, o rexedor compostelano lamentou que non acudisen, porque a xente que se valora, sempre "se bota de menos".

Noriega recordou, con todo, que o ano pasado se celebrara unha manifestación unitaria na que participaron todas as formacións políticas da órbita da esquerda rupturista e nacionalista, pero este ano non foi posible, algo do que culpou a "posición distinta" do BNG con respecto ás mareas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta