A Xunta adxudica 2,8 millóns a mes e medio das eleccións para asfaltar pistas en 44 concellos do PP

Medio Rural aprobou subvencións a 48 municipios dentro do Plan Extraordinario de Infraestruturas para a posta en valor de camiños municipais. Só o concello de Ourense recibirá 218.000 euros.

Por Xurxo Salgado | Lugo | 11/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O 25 de setembro haberá eleccións autonómicas. Comicios que poden ser decisivos para manter a Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Por iso, os populares puxeron a súa máquina electoral a pleno rendemento, especialmente, nos municipios do rural, principal fonte de votos do PPdeG. E, precisamente, a 44 concellos, a maioría deles do rural e todos gobernados por este partido, van destinados máis de 2 millóns de euros para asfaltar pistas.

Pista asfaltada en Outeiriño, Ponteareas
Pista asfaltada en Outeiriño, Ponteareas | Fonte: concellodeponteareas.org

En total serán 48 os concellos incluídos no plan extraordinario de Infraestruturas para a posta en valor de camiños municipais, dotado con 2,8 millóns de euros. Só tres deles están gobernados polo PSdeG (Sobrado, Lourenzá e Pedrafita) e outro, o de Sandiás, polos independentes de Agrelsan (Agrupación de Electores de Sandiás).Precisamente, e pola inesperada e apresurada convocatoria anticipada das eleccións, a sinatura dos convenios con concellos agraciados realizáronse nos dous primeiros días de agosto, nas respectivas delegacións territoriais da Consellería do Medio Rural que é quen impulsa estas axudas.

Segundo fontes consultadas, a inclusión de tres concellos socialistas pode deberse a un erro na base de datos da Xunta.  No caso de Sobrado (A Coruña) e Lourenzá (Lugo), esta parece ser a razón. O caso de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) pode ser debido a que a obra incluída no concello popular de Folgoso do Courel discorre tamén parcialmente por este concello dos Ancares, polo que precisa conveniarse con ámbolos dous concellos.

218.000 euros para o Concello de Ourense

Na provincia de Ourense, tamén se inclúe o concello de Sandiás, coa alcaldía en mans da Agrelsan, que conta co apoio tácito dos tres edís populares. Precisamente, destaca a importante dotación deste plan extraordinario para o concello de Ourense, que supera os 218.000 euros, sendo a asignación máis significativa de todo o programa. 

Cadro dos concellos beneficiados polo plan extraordinario da Xunta
Cadro dos concellos beneficiados polo plan extraordinario da Xunta

Con todo, segundo fontes populares, o feito de que sexa a única cidade gobernada polo Partido Popular, non tivo nada que ver para a súa inclusión. Tamén sinalan que a non inclusión de concellos gobernados por nacionalistas se debe á ausencia de necesidades específicas de arranxo e posta en valor da rede viaria municipal nestes municipios.

Xunto a este plan especial da Xunta tamén hai arranxos e melloras en camiños de titularidade municipal, dentro do Plan Marco da Consellería do Medio Rural, cofinanciado con fondos europeos e dos propios concellos. Neste caso, á totalidade dos concellos, independentemente da cor política, puideron optar á este tipo de subvención para a mellora da súa rede viaria, cousa que non sucede con este plan electoral extraordinario.

Axudas por provincias

Dentro deste plan especial, os concellos da provincia da Coruña beneficiaranse dunha achega total de 654.027,54 euros, os da provincia de Lugo de 411.373,67, os a provincia de Ourense de 768.146,18 e os da provincia de Pontevedra de 1.005.722,28 euros.

Curiosamente, durante o bipartito, os populares foron moi críticos coa posibilidade de que o goberno de Touriño aprobara entón un plan semellante antes das eleccións, feito que, finalmente, non se chegou a producir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

anticipan a devolución da paga extra dos funcionarios a finais do agosto, enchen de cartos á prensa escrita especialmente á Voz de Galicia, asfaltan os seus Concellos de urxencia, e mentres en Madrid todo son frases sobre a limpeza da corrupción, a transparencia na política, e non sabemos cantas historias máis non van contar... ? Pero será outra vez INDRA quen remate contando os votos o 25S a máis dos millóns de euros que levou para a base de Drons en Rozas... // Mentres Vigo prepárase para o Marisquiño esta finde mentres o alcalde Abel Caballero segue a vender os 15 pisos baleiros propiedade do Concello, NEGÁNDOLLE AXUDA á familia que perdeu a súa vivenda e ten que vivir en choupanos... Vigo tamén é unha cidade fermosamente INSOLIDARIA !!! https://youtu.be/xJFwE5_8YAM // PSOE e PP ... A MESMA "MERDA" É...?

1 Tiago

Estas actitudes empezan a lembrar ás do deplorable bipartito

1 Xurista

Ti si que es lamentábel e lambecús de Madrid. Triste troll!