Ola a todos e todas:
En relación cos debates para a XII Asemblea Nacional que se están a desenvolver en todas as comarcas, envíovos, para quen quera facer uso del ou simplesmente para coñecimento xeral, un pequeno argumentario que estamos a utilizar algúns compañeiros/as para defender o voto particular nº64 que asinan Roberto Mera e Carlos Aymerich sobre a eliminación da representación
directa dos partidos e colectivos no Consello Nacional. Concórdese ou non con estes argumentos, coido de interese coñecer de primeira man os
razonamentos que o impulsan, dados os comentarios e interpretacións curiosas que estamos a escoitar estes días. Unha aperta a todos e todas"
ARGUMENTARIO VOTO PARTICULAR CARLOS AYMERICH E ROBERTO MERA
1.- Fundamento orixinal da representación directa dos partidos e colectivos:
Concebíuse como:
a) Un mecanismo para garantir a representación no CN do pluralismo existente no seo do BNG.
b) Un instrumento ao servizo dos colectivos e partidos e tamén do BNG para cumprir o papel principal de aporte ideolóxico que deben xogar eses partidos e colectivos. Polo tanto esa representación directa debera ser o mecanismo lóxico e natural para que ese pluralismo se expresase claramente no CN.
2.- A necesidade dunha actualización organizativa
Polo tanto partindo desta dobre funcionalidade e finalidade garantía de pluralismo e instrumento para a expresión dese pluralismo- pódese á vista
da experiencia destes anos concluír o seguinte:
a) O BNG como forza política de adscripción individual acolle hoxendía un pluralismo que vai moito máis alá dos partidos e colectivos organizados.
Non é lóxico nin equitativo polo tanto que haxa diferentes fórmulas para garantir ese pluralismo, segun se trate do que está organizado ao que se
lle dá representación directa ou do que non está organizado e que ten que lograr a súa representatividade no CN someténdose ao refrendo da militancia. Efectivamente, os mecanismos de elección dos que dispón o BNG teñen sido na práctica eficaces para garantir todo o pluralismo da nosa organización e polo tanto partidos, colectivos ou militantes independentes dispoñen dos mesmos mecanismos para lograr a súa representación no CN. Non parece polo tanto imprescindíbel un mecanismo a maiores e limitado para garantir a representación de só unha parte do pluralismo interno do BNG.
b) En segundo lugar a experiencia tamén veu demostrando que esa representación directa tampouco foi empregada polo xeral como instrumento
para a expresión da opinión ou posición de partido no seo do CN. O que debía ter sido unha norma converteuse no mellor dos casos nunha excepción.
3.- Conclusión
Na práctica a representación directa de colectivos e partidos non é un mecanismo imprescindíbel para garantir parte do pluralismo do BNG, nin é
un instrumento imprescindíbel para que esa parte do pluralismo interno se exprese no CN. Evidentemente, tampouco debe ser a finalidade da
representación directa outorgar a colectivos e partidos un voto máis no CN, algo no que na práctica se acabou convertendo.
En conclusión o voto particular nin vai contra o pluralismo interno nin contra o modelo frontista como se ten argumentado. En realidade é
xustamente unha actualización organizativa, para suprimir un mecanismo que se ten revelado ineficaz para os fins que debería cumprir, ademais de
ser unha medida que contribue a seguir avanzando no obxectivo de máis BNG e menos partes.