Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/06/2009
No Museo Nacional en Addis Ababa comparten protagonismo unha réplica do esqueleto de Lucy, o trono de Haile Selassie e un espazo adicado a homenaxear ao único xeneral etíope vivo que conta con tres estrelas. Este fenómeno da xeoestratexia foi o responsable dunha serie de ataques frontais ao estilo da Iª Guerra mundial contra a liña de defensa eritrea, causando a morte gratuita de milleiros dos seus soldados. Así son as cousas por eses lares. O rexime eritreo, inimigo acérrimo do rexime etíope de Meles, arma a algunhas das faccións enfrontadas na auténtica guerra civil na que se atopa mergullado ese país sen Estado que é Somalia. Pola súa vez, a carta de axuste da canle televisiva etíope é precedida de imaxes propagandísticas da invasión de Somalia, disfrazada dun paseo militar no que a poboación autóctona guinda flores aos soldados enviados dende Addis Ababa. O avespeiro somalí pódese comprender tendo en conta a historia recente da corna de África, o comportamento político dos diferentes grupos étnicos, os intereses de clase das elites politicas e a sombra alongada do colonialismo europeo. Unha vista rápida ao abano de líderes africanos dende a descolonización amosa ben ás claras o xurdimento e perpetuación no poder duns homes (sempre homes) oportunistas, populistas e corruptos, formados en Occidente e vencellados ao Exército (aconsellamos vivamente a reflexións ao respecto dom estre Kapuscinski en Ébano). Estes dictadores garantizan a maquinaria dun Estado que controla o territorio explotado polas multinacionais a cambio de sumas de diñeiro que deixan en ridículo a fichaxe de Cristiano Ronaldo. Ese é o medo á inestabilidade somalí: a ausencia dun marco que permita a explotación e unha pertinaz anarquía que facilita o asentamento de Al Qaida na corna de África. Sobre os líderes africanos e o colonialismo falaremos na próxima entrega de Radiochopo, tomando como exemplo esa fantástica fotografía de Berlusconi recibindo a Gaddafi, quen leva pendurada na camisa unha foto dun heroe da resistencia libia contra Mussolini. Nerón e Calígula xuntos, sen necesidade do Photoshop. African leaders.
Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/