Ézaro, sempre espectáculo

O francés Alexandre Geniez gaña no miradoiro do Xallas, onde Alberto Contador perde 28 segundos e Rubén Fernández ponse líder, por diante de Valverde e Froome, que chegaron xuntos a meta. Este martes, saída en Betanzos e chegada ao inédito miradoiro Vixía de Herbeira.

Por gcdeportes | Dumbría | 22/08/2016 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

Coma sempre, todo un espectáculo a subida a Ézaro, ateigada de afeccionados galegos, unha tortura para os ciclistas o coloso galaico. No primeiro final en alto da Vuelta’2016, os xa míticos 1,8 quilómetros de temíbel ascenso polo Xallas, Movistar, con Rubén Fernández tirando de Valverde e Quintana, rachou a carreira. Foron uns poucos os elexidos. Quedouse Froome e aguantou Contador. Un quilómetro de esforzos despois, rebentara Contador e reapareceu Froome, que entrou con Valverde e Esteban Chaves en meta; Quintana, a seis segundos; Contador, a 28 dos favoritos.

O francés Alexandre Geniez (Francaise) acadou unha agónica vitoria na terceira tirada da Vuelta, 176,4 quilómetros dende Marín ata a fervenza do Xallas, onde o murciano Rubén Fernández, ciclista de 25 anos do Movistar, gañador do Tour do Porvir en 2013, fixo a mellor subida a Ézaro, entrou a 21 segundos do vencedor e acabou de vermello. Alomenos, ata San Andrés de Teixido.

Como non, Ézaro marcou de novo diferenzas na xeral, trala crono por equipos do primeiro día. Tres etapas polas estradas galegas, e os favoritos xa asoman na xeral. Rubén Fernández viste a camisola vermella, pero con Alejandro Valverde a 7 segundos, Chris Froome a 11, Esteban Chaves e Quintana a 17, Samuel Sánchez a 46. Contador, no posto 12º, xa a 1,31 do líder.

A escapada inicial formárona Smukulis (Katusha), Geniez (Francaise), Serry (Etixx), Pellaud (IAM), Cousin (Cofidis), Selig (Bora) e David Arroyo (Caja Rural), xuntos ata pasar Noia e encarar o Alto de Lestaio (3ª categoría, 8,3 kms). Pellaud marchou en solitario, pero quedou sen folgos na subida ao Alto das Paxareiras (2ª categoría, 9,3 kms), onde foi alcanzado por Geniez e Serry.

No coloso galaico, axiña quedou Geniez só en cabeza, que aguantou como puido ata o final. Por detrás, no muro de Ézaro, Rubén Fernández rachou a carreira para o Movistar. Un parón inexplicábel a media subida permitiu a Froome recuperar, pero o gregario de Movistar tirou para adiante e, segundo en meta, celebrou como se gañase a etapa. “Celebrei o maillot rojo”, xustificouse.

E do miradoiro do Ézaro, a San Andrés de Teixido. Este martes, cuarta etapa de 163,5 quilómetros con saída en Betanzos e nova chegada en alto, no inédito miradoiro Vixía de Herbeira, un porto de 11,2 quilómetros ao 4,8% de media, con vistas aos acantilados máis altos de Europa: 620 metros.

Alexandre Geniez, vencedor no Ézaro.
Alexandre Geniez, vencedor no Ézaro. | Fonte: lavuelta.com

Rubén Fernández, do Movistar, novo camisola vermello.
Rubén Fernández, do Movistar, novo camisola vermello. | Fonte: lavuelta.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta