Cristian Toro quere máis

“Teño ambición por seguir sumando”, asegura o primeiro lucense en obter un ouro olímpico na homenaxe que recibiron en Raxoi os deportistas galegos que competiron en Río. A canguesa Teresa Portela non pensa na súa retirada e fixará novos obxectivos tralas vacacións.

Por gcdeportes | Compostela | 25/08/2016 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

Día longo este mércores para o campión olímpico galego, o primeiro lucense en acadar o ouro nuns Xogos. Chegaba a Compostela a primeira hora, recepción e homenaxe en Raxoi da Xunta, corte da cinta de saída na quinta etapa da Vuelta en Viviero e cea no seu club, o Fluvial de Lugo.

Carrera, Teresa Portela, Cristian Toro e Germade, co ouro do lucense.
Carrera, Teresa Portela, Cristian Toro e Germade, co ouro do lucense. | Fonte: Fegapi

Malia as homenaxes, o padexeiro Cristian Toro aínda non é quen de “asimilar” a consecución da medalla de ouro no K2-200 xunto con Saúl Craviotto, pero xa pensa en “novos retos”, no vindeiro ciclo olímpico, en descansar e desconectar uns días para principiar a nova tempada. “Aínda non acabo de asociar a miña imaxe á de un campión olímpico. Necesito estar uns días coa miña xente, ver a carreira un par de veces e as imáxenes dos Xogos para situarme mellor, porque aínda non asimilei o que temos logrado”, asegura.

Toro, que aterrou en Lavacolla coa medalla ao pescozo e cos seus compañeiros Teresa Portela, Rodrigo Germade e Óscar Carreira, todos diplomas olímpicos en Río, asume que o ouro é “un paso decisivo” na súa carreira, pero que ao mesmo tempo dalle “máis ambición” para seguir adestrando no vindeiro ciclo olímpico cara a Tokyo’2020. “Agora daste conta de que se pode conseguir, de que os teus rivais tamén son vulnerábeis á hora de competir e de que se pode gañar”. Toro quere seguir con Saúl Craviotto de compañeiro, pero non rexeita nun futuro competir noutras distancias o en novas embarcacións: “Teño ambición por seguir sumando, quero buscar novos retos”.

Homenaxe en Raxoi

Na recepción oficial no pazo de Raxoi, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado por Xosé Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte, aproveitou para presumir do “magnífico rendemento” dos deportistas galegos que competiron en Río e trasladou en nome de Galicia a felicitación e o recoñecemento polos éxitos acadados nos Xogos.

“Detrás dos nomes de Alessandra Aguilar, Frank Casañas, Jean Marie Okutu, María Bernabéu, María Vilas, Teresa Portela, Rodrigo Germade, Óscar Carrera, Cristian Toro, Vanesa Rial, Paula Medín, Miguel Alvariño, Fernando Alarza, Támara Echegoyen, Iago López Marra e Fernando Echávarri está unha terra que vos admira e apoia, e que hoxe vos recibe con orgullo”, dixo Feijóo. Faltaron María Vilas e Alessandra Aguilar en Raxoi, pero estiveron María Bernabéu e Fernando Alarza polos seus vínculos con Galicia: a judoka pertence ao Club Famu de Frutos de Vigo e o triatleta castelán adestra no Cento Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Feijóo e Lete Lasa con trece dos olímpicos galegos en Raxoi.
Feijóo e Lete Lasa con trece dos olímpicos galegos en Raxoi. | Fonte: xunta.gal

"É verdade que nalgunha Olimpíada anterior acadamos máis medallas, pero se sumamos as medallas e os diplomas, estes son os Xogos nos que os nosos deportistas conseguiron estar á altura máxima”, asegurou un errado Núñez Feijóo: Galicia obtivo en Pequín’2008 ata catro medallas e cinco diplomas, por unha medalla e seis (sete con María Bernabéu) diplomas en Río.

En Raxoi, Cristian Toro lembrouse dos compañeiros: “Fomos a Río como un equipo. Uns gañaron, outros non tiveron a sorte de subir ao podio, pero ao estar alí somos todos gañadores, porque ir a uns Xogos é moi difícil, pero estar alí xa é unha recompensa para o traballo feito”.

O padexeiro lucense, que saiu correndo para Viveiro para dar a saída oficial á quinta etapa da Vuelta e pola noite tivo cea co Club Fluvial de Lugo, pediu máis axudas: “Para ir a uns Xogos hai que dedicarlle moitas horas. Por iso necesitamos apoio. Necesitamos recibir un beneficio polo que facemos, porque lle estás dedicando a túa vida”.

Pola súa parte, Teresa Portela dixo que de momento non pensa na súa retirada, xa que non ve que lle chegase o momento de deixar o deporte que tantos éxitos lle deu. Tras unhas merecidas vacacións coa familia, a canguesa verá os novos obxectivos que se marca na súa carreira deportiva. Mentres, Rodrigo Germade e Óscar Carrera, do Club Náutico Betanzos, quintos en Río, xa pensan nun novo ciclo olímpico no que terán que adaptarse á nova distancia de K4 500 metros para Tokyo’2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta