Temas: PIB

A economía galega alcanza o ritmo da española ao crecer un 0,8% no segundo trimestre

En variación interanual, a evolución da economía galega eleva o seu incremento ao 3%, dúas décimas por debaixo do conxunto estatal.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/08/2016 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

O produto interior bruto (PIB) galego creceu un 0,8% no segundo trimestre do ano en relación co primeiro, igual que a media, segundo as Contas económicas trimestrais de Galicia que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE). En variación interanual, no segundo trimestre de 2016 respecto ao mesmo período de 2015, a evolución da economía galega eleva o seu incremento ao 3% (fronte ao 3,2% no caso do conxunto estatal).

Unha cadea de produción industrial.
Unha cadea de produción industrial.

Desta forma, tanto a taxa trimestral como a anual experimentaron no noso país un aumento dunha décima respecto á variación do primeiro trimestre (cando rexistrou un 0,7% e un 2,9%, respectivamente).

Do lado da demanda, o gasto en consumo final subiu un 0,9% intertrimestral, con crecementos do 0,8% no caso dos fogares e institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares e do 1,4% no das administracións públicas.

A formación bruta de capital ascendeu un 0,8% en comparación co primeiro trimestre, mentres que a demanda interna, en termos nacionais, se incrementou un 0,9%. As exportacións aumentaron un 2,7% mentres as importacións o fixeron en dúas décimas máis, un 2,9%.

EVOLUCIÓN ANUAL

En canto á evolución anual, o gasto en consumo final subiu un 3,1% (2,9% o dos fogares e 3,7% o das administracións públicas), a formación bruta de capital subiu un 2,4%, a demanda interna un 3%, as exportacións un 5,3% e as importacións, o mesmo.

Por parte da oferta, a variación anual reflicte incrementos en todos os sectores: do 3,4% nos servizos, do 2% na construción, do 1,3% na agricultura, silvicultura, gandaría e pesca, do 1,2% na industria e do 3,9% nos impostos netos sobre os produtos.

EMPREGO

En termos de emprego, o número de postos de traballo a tempo completo repuntó en Galicia un 1,8% sobre o mesmo trimestre do ano anterior, dúas décimas menos que no primeiro trimestre.

Neste ámbito, chama a atención o incremento do emprego no sector primario, do 5%, e na industria manufectureira, cun 3%. Pola contra, reduciuse nun 2,8% na construción.

XUNTA

Pola súa parte, a Xunta, nun comunicado remitido pola Consellería de Facenda, destaca que o avance da economía galega entre abril e xuño "iguala" o crecemento trimestral da economía española.

Resalta, na mesma liña, que a taxa de aumento interanual do PIB autonómico é "a máis elevada dende o primeiro trimestre de 2008", e que, desta forma, a economía galega encadea 11 trimestres consecutivos de crecemento.

Temas: PIB
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un de por aí

por favor, "repuntó" "En canto a"...que se escriba ben, por favor!.