Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2016 | Actualizada ás 11:46
O sindicato UXT denunciou este venres que en Galicia son necesarias "144 altas e baixas" na Seguridade Social para consolidar unha nova afiliación, segundo os datos do ano 2015. "Que só en 12 meses en Galicia se rexistren 1,39 millóns de altas na Seguridade Social, 1,38 millóns de baixas, é dicir, 2,8 millóns de movementos, para que o aumento neto de afiliados non supere os 19.354, indica precariedade, rotación excesiva na contratación, un nivel de contratos a tempo parcial involuntarios xa insoportable para o mercado laboral galego, en definitiva, emprego de baixa calidade", denuncian dende o sindidato.
A esta situación, asegurou a central sindical, contribuíron de xeito "definitorio" as reformas laborais "impostas" nos anos 2010 e 2012, polo que dende UXT se lle pide ao novo Goberno que se consolide nos próximos meses que derrogue ambas as dúas reformas e poña en marcha, con "carácter de urxencia", outra política.
No relativo ao comportamento da Seguridade Social nos últimos anos, a situación, a xuízo do sindicato, é "nefasta" en todo o Estado. "Pero é que en Galicia é peor que na media do conxunto das comunidades autónomas, como o demostra o feito de que esta comunidade é a cuarta, só superada por Castilla-La Mancha, Asturias e Valencia2.
UXT fixo fincapé en que Galicia rexistra un dos incrementos máis baixos de afiliados á Seguridade Social en relación a hai un ano. "Se ben é certo que a cifra de afiliados se recupera nun 1,7 por cento, ao pasar de 957.879 a 973.973, esta suba segue estando moi por debaixo dos 3,1 puntos de media de recuperación no Estado ou dos 3,2 puntos de comunidades como Madrid ou os 5,9 de autonomías como as Islas Baleares, opinou o sindicato.
Deseguido, a central sindical explicou que, dende o ano 2007, os asalariados perderon 1.211 millóns de euros en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.