Partidazo sen premio

O Celta perde 2-1 co Real Madrid no Bernabéu, onde mereceu máis pero encaixou dous goles tras dous erros da defensa na saída do balón. Orellana marcou para os celestes e Morata, tras un fóra de xogo, e Kroos para os brancos. Segunda derrota en dúas xornadas.

Por gcdeportes | Vigo | 27/08/2016 | Actualizada ás 23:16

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Real Madrid 2:
Kiko Casilla; Carvajal, Varane, Sergio Ramos, Marcelo; Kroos, Casemiro, Modric (James, 68'); Marco Asensio (Lucas Vázquez, 65'), Gareth Bale e Morata (Mariano, 77').
Celta 1: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja (Pione Sisto, 85'), Daniel Wass (Pape Cheik, 76'), Tucu Hernández, Orellana, Theo Bongonda e Guidetti (Iago Aspas, 72').
Goles: 1-0: Morata (minuto 60'). 1-1: Orellana (minuto 67). 2-1: Kroos (81')
Árbitro: De Burgos Bengoetxea (vasco). Amarelas a Hugo Mallo (51') e Jonny (54') no Celta.
Incidencias: partido da 2ª xornada de Primeira División disputado no estadio Santiago Bernabéu ante 65.000 espectadores.

Mereceu máis no Bernabéu o Celta, que fixo sufrir ata o último segundo ao Real Madrid. Nada que ver co equipo de hai unha semana en Balaídos contra o Leganés. Un Celta valente e decidido recuperou a súa mellor versión do ano pasado, xogou de ti a ti a todo un campión de Europa e puido puntuar a non ser os erros na saída de balón, que propiciaron os dous goles locais. Morata, tras un claro fóra de xogo posicional que impediu despexar a Hugo Mallo, fixo o 1-0; Orellana a pase de Guidetti empatou sete minutos despois; e Kroos marcou o 2-1 definitivo a dez minutos do final, deixando sen premio o traballo excelso dos celestes.

Os xogadores celestes protestan ao árbitro ao final do partido.
Os xogadores celestes protestan ao árbitro ao final do partido. | Fonte: lfp.es

Catro trocos no once do Toto Berizzo: volveu Cabral por Sergi Gómez ao centro da defensa, Radoja polo mancado Chelo Díaz, Tucu Hernández por Pione Sisto e Guidetti en punta por un tocado Iago Aspas, que xogaría os últimos vinte minutos. O Celta disputoulle a posesión ao Real Madrid dende o primeiro minuto, coa presión alta e pechando os espazos aos de Zidane, sempre incómodos no céspede. A primeira ocasión clara do partido foi para Bongonda, que roubou un balón no medio campo e chegou ata a área rival, pero errou no seu disparo, ao lateral da rede.

As únicas ocasións brancas do primeiro tempo chegaron por parte de Modric, cun lanzamento dende lonxe que petou no traveseiro no minuto 28 e outro que Sergio Álvarez desviou a córner no minuto 31. Casemiro empurrou o Tucu Hernández, pero o árbitro e os seus asistentes miraron para outro lado. Os celestes recuperaron o control e apenas pasaron apuros ata o descanso.

Trala reanudación, o Celta principiou enchufado, e meteu o medo no corpo ao Bernabeu, con tres chegadas en tres minutos: faltou definir para o 0-1. Pero o Real Madrid reaccionou, da man de Modric e Bale. E Sergio Álvarez sacou cos dedos un lanzamento do galés. O primeiro gol madridista chegou nunha xogada desgrazada para os celestes. O terceiro erro de Sergio Álvarez nun saque co pé acabou, con Morata en fóra de xogo impedindo o despexe de Hugo Mallo, nun remate de Asensio que detivo o meta celeste pero Morata aproveitou o rexeite para facer o 1-0.
O Celta acusou o golpe, e tres minutos despois tivo sorte nun remate de Morata que petou no pau. Pero o fútbol fixo xustiza e Orellana, tras pase de Guidetti en xoga iniciada por Wass, fixo o empate no minuto 67 definindo con precisión por riba de Casilla.

O partido rachouse, e con espazos saía vencedor o Real Madrid, que acosou a meta celeste. Aínda así, Pape Cheik tivo unha contra que non soubo resolver (tardou un mundo en dar o pase a Bongonda) e na contra, tras unha perda de balón de Roncaglia, Lucas Vázquez cedeu a Kross, que disparou pegado ao pau e fixo imposible a estirada de Sergio Álvarez.

O Celta non se rendeu e tentou buscar de novo o empate, pero de novo faltoulle claridade preto da área rival. O Celta recuperou sensacións e deixou moi boa imaxe no coliseo madridista, pero suma cero puntos en dúas xornadas. A vindeira cita, co Atleti en Balaídos.

Guidetti tenta o remate entre Sergio Ramos e Varane.
Guidetti tenta o remate entre Sergio Ramos e Varane. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta