Por gcdeportes | Lugo | 01/09/2016 | Actualizada ás 19:26
Un vello desexo do Breo, que xa antes tentará a súa fichaxe. Un xogador decisivo no ascenso, logo frustrado, que o COB arrebatou ao club lucense na liga 2014-15. Despois de meses de incerteza sobre o futuro inmediato, o CB Breogán dá pasos sólidos no seu novo proxecto, e este xoves anunciou a súa segunda fichaxe tras Rafa Huertas para o curso 2016-17: o aleiro Salva Arco, de 31 anos, con ampla experiencia tanto na LEB Ouro como na ACB e no básquet europeo.
A chegada de Salva Arco foi anunciada polo novo presidente, Suso Lázare, na presentación da campaña de abonados para a tempada 2016-17. “A incorporación de Arco seguro que ilusiona á nosa gran masa social”, apuntou Lázare. A tempada pasada, o xogador catalán principiou adestrando co Fenerbahce de Zeljko Obradovic, xogou a Bundesliga e a EuroCup co Ratiopharm Ulm e rematou a campaña sendo ACB no Iberostar Tenerife. “Benvido @SalvArco. Ata hoxe sufrimos a túa coraxe como rival, dende hoxe sufriremos xuntos como equpo!”, foi unha das mensaxes de benvida do club lucense ao seu novo xogador.
Salva Arco é un xogador moi completo, intenso tanto en defensa como en ataque, con mois bos porcentaxes de tiro. No play-off de ascenso da liga 2014-15, o escolta catalán aportou 11 puntos (41,7% en tiros de tres), 3,5 rebotes e 2 asistencias por partido.
Tras iniciarse no CB Navàs da súa vila e no Monzón de Liga EBA, Salva Arco (Barcelona, 25 de outubro de 1984) debutou moi novo na ACB, con 19 anos no Caprabo Lleida, onde estivo tres anos, dous en ACB e un en LEB Ouro. Tras pasar por Vic, Hospitalet, Gipuzkoa e de novo Lleida, pasou os seus dous primeiros anos en Ourense (2009-2011). Na 2011-2012 estivo en Melilla e os dous seguintes de novo na ACB en Manresa. Na 2014-15 volveu a Ourense, onde acadou o ascenso en cinco intensos derbis do Miño, e na 2015-16 pasou polas ligas turca e alemá (pretempada co Fenerbahçe e Ratiopharm Ulm) para rematar no Iberostar Tenerife, onde chegou a ser elexido MVP da xornada 16ª, tras sumar no Fontes do Sar 20 puntos (4 de 6 en triplas) e 3 rebotes fronte ao Obradoiro.
Arco convértese na segunda incorporación celeste para a campaña 2016-17 e únese a Rafa Huertas como novo xogador ás ordes do técnico Natxo Lezkano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.