Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 06/09/2016 | Actualizada ás 13:06
Varias organizacións científicas e sociais veñen de denunciar a programación dunha actividade pseudocientífica na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, que acollerá este 7 de setembro "unha conferencia sobre reiki, cuántica e outras 'terapias' enerxéticas", segundo os denunciantes: Divulgacción – Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica e Tecnolóxica, Círculo Escéptico, Sociedad para el Avance del Pensamiento Crítico (ARP-SAPC), Asociación para Proteger al Enfermo de Terapias Pseudocientíficas e Red de Prevención Sectaria y del Abuso de Debilidad (RedUNE).
As cinco organizacións enviaron unha carta á biblioteca pontevedresa que, segundo os asintantes, "quedou sen resposta". Nela, denuncian que se trata dun "evento pouco apropiado para ser acollido por unha institución sostida con fondos públicos" e lembran que "o reiki é unha práctica pseudocientífica que trata de curar o paciente canalizando unha suposta 'enerxía vital universal' a través da imposición de mans" que non ten ningunha base científica e da que non se ten atopado "evidencia ningunha da súa eficacia".
"A medicina holística cuántica e a bioenerxía como medicina son unha fraude", advirten os asinantes, que subliñan que "este tipo de prácticas pertencen ao eido das crenzas e non poden ser consideradas fiables".
A Biblioteca de Pontevedra non deu resposta e mantén esta actividade na súa programación para este mércores, 7 de setembro, ás 19.00 horas, baixo o título "Os efectos positivos da cuántica". No seu espazo web da rede de bibliotecas públicas descríbese o evento como un "concerto-conferencia con cuncas tibetanas" no que haberá unha "conferencia sobre os efectos positivos da cuántica" a cargo de Thutam Guillamot —quen se describe a si mesmo na súa páxina web coma "facilitador de retiros espirituales y conexiones con la Naturaleza"—, coa colaboración de Kamala (cuncas tibetanas) e Inma Allo (terapias enerxéticas).
CARTA COMPLETA
Estimados señores,
Recentemente tivemos coñecemento de que a súa institución, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acollerá o vindeiro 7 de setembro unha conferencia sobre Reiki, cuántica e outras “terapias” enerxéticas.
Supoñemos que a actividade foi autorizada polo centro dende a boa vontade, máis consideramos que é un evento pouco apropiado para ser acollido por unha institución sostida con fondos públicos.
O Reiki é unha práctica pseudocientífica que trata de curar o paciente canalizando unha suposta “enerxía vital universal” a través da imposición de mans, chegando a afirmar que pode curar tan só cun alento, cunha mirada e tamén a distancia. Os que ofrecen estas terapias tratan de convencer da súa grande potencialidade para curar moitas enfermedades, incluidas enfermidades graves coma o cancro ou a sida. Non obstante, a revisión sistemática de probas clínicas (dobre cego) non ten atopado evidencia ningunha da súa eficacia. A medicina holística cuántica e a bioenerxía como medicina son unha fraude.
Este tipo de prácticas pertencen ao eido das crenzas e non poden ser consideradas fiables. Se estas pseudociencias son presentadas como métodos alternativos de curación, o perigo potencial é significativo.
Segundo a UNESCO, as bibliotecas públicas nacen para responder á necesidade e ao dereito de toda a cidadanía de participar do coñecemento. Tamén para sensibilizar a poboación, entre outras, das innovacións tecnolóxicas e os logros científicos. Acoller eventos sobre estes pseudotratamentos que ofrecen “terapias” alternativas pode levar á confusión e fomentar o abandono da medicina real, ao trasladar as esperanzas a un milagre baseado en “técnicas” non fiables.
Quedamos á súa disposición para achegar toda a información que consideren necesaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.