Axudas para previr incendios en montes que xa arderon

No Diario Oficial de Galicia leva semanas notándose que estamos en época electoral, por exemplo nas subvencións ao agro. Axudas que hai moitos anos non se convocaban recuperáronse, como as subvencións para cans que combatan os ataques do lobo. Outras, como as compensacións por danos causados polo xabari,l convócanse hoxe. Incluso hai liñas de subvencións que foron convocadas en 2015, pero resólvense a poucos días das votacións, malia que xa poden ser inútiles.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 13/09/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Este último caso é o das axudas para o fomento da silvicultura en bosques. A Consellería de Medio Rural publicou as bases reguladoras día 30 de decembro de 2015. A resolución chegou este mesmo luns, máis de oito meses despois.

Varios focos de lume en Arbo, nos incendios que arrasaron esta zona en agosto
Varios focos de lume en Arbo, nos incendios que arrasaron esta zona en agosto | Fonte: Lito Arbo.

Trátase dun uso electoralista das axudas públicas? GC preguntou en Medio Rural o motivo do atraso da resolución das axudas para silvicutura, pero aínda non obtivo resposta.

Outro factor importante a ter en conta é que estas subvencións teñen entre os seus obxectivos loitar contra o lume. En concreto, segundo a convocatoria, “crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, rareos, claras e podas, coa finalidade de prevención de incendios”.

O problema é que a temporada de incendios está a piques de rematar. Existe, polo tanto, a posibilidade de que as subvencións resoltas o luns non valan para moito, por estar destinadas a realizar traballos de prevención en montes que arderon este verán.

Isto é precisamente o que lle pasou a polo menos unha comunidade de montes. Medio Rural convocou unha  liña de axudas a mancomunidades para a prevención dos incendios en decembro de 2015. A resolución definitiva, corrección de erros mediante, non chegou até o 15 de xullo de 2016, coa temporada de lumes a piques de empezar.  

As lapas chegaron antes que a transferencia da Xunta e Arbo veu calcinado este agosto boa parte do seu patrimonio forestal. “A tardanza da chega destas subvencións foi e pode ser clave na extensión que alcanzaron e poden alcanzar os incendios, pois dificultan o avance do lume en puntos clave”, laiouse o presidente dos comuneiros de Arbo.

A Comunidade de Montes Santa María de Arbo criticou a Xunta porque lle resultaba “inconcibible que a mediados de agosto aínda non se poidan facer as labores de prevención para o ano 2016”. Segundo explicaba Brais Llopis en Faro de Vigo, a mancomunidade tiña concedidos 7.000 euros en subvencións pero aínda non recibira os cartos, polo que non puidera executar os cortalumes previstos. 

El foi un dos poucos de queixarse públicamente, pero o malestar no sector polo atraso das axudas é xeralizado, segundo relata Campo Galego. O diario dixital especializado no agro do país asegura que “desde as comunidades de montes e o sector forestal vense reclamando unha resolución máis áxil das axudas, pois considérase que as subvencións dirixidas á prevención de incendios deberían estar executadas antes da época de alto risco de lumes (xullo-setembro)”. 

Algo que é por outra parte é de pura lóxica: as axudas para previr incendios deberían estar resoltas a comezos da primavera para que os beneficiarios tivesen tempo de executar os traballos antes da tempada de incendios. Sen embargo, Medio Rural acaba de resolver parte das subvencións menos de dúas semanas antes de que os galegos teñan que votar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 frijoles mangueira...

agora coas esmolas da populeta ... agora si que van arder os montes... ONDE ESTAN OS PROTECTORES DO TOXO E DA XESTA??? non se dan de conta que de seguires asi vai ser especie en vías de extinción... ONTE ARDERON EN OURENSE 1.000 HECTAREAS NUN SO DIA, 500 so en cualedro... onde vamos ir parar? tanto electoralismo e agora están xogando co lume...