O mildiu da pataca: a ameaza que resiste o tempo e medra co cambio climático

O mesmo oomiceto que arrasou cultivos no século XIX, dando lugar á coñecida como 'fame negra' en Irlanda, continúa sendo unha das principais preocupacións no agro galego, impulsado agora polo cambio no patrón das choivas, as temperaturas mínimas máis altas e a aparición de resistencias ás materias activas dos funxicidas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai enfermidades que, coma as vellas pantasmas, nunca desaparecen de todo. Agóchanse durante unha tempada, perden presenza mediática, pero seguen latexando, listas para reaparecer en canto as condicións lles sexan favorables. O mildiu é unha delas. Esta praga, que no século XIX provocou grandes fames históricas como a arrasadora 'fame negra' en Irlanda, continúa hoxe xerando perdas económicas significativas para os agricultores. O máis inquedante é que, lonxe de quedar no pasado, o cambio climático e a intensificación agrícola están favorecendo a súa expansión por Galicia, unha zona xeográfica estratéxica caracterizada por unha humidade endémica, choivas frecuentes e mesmo abundantes e novos episodios de temperaturas mínimas máis elevadas que a converten nun terreo fértil para esta ameaza silenciosa. Galicia Confidencial fala hoxe con Laura Meno Fariñas, investigadora postdoutoral no Instituto de Agroecoloxía e Alimentación en Ourense pertencente á Universidade de Vigo (UVigo), para coñecer de primeira man as causas, consecuencias e tratamentos para esta enfermidade.

Patacas galegas nun campo de cultivo
Patacas galegas nun campo de cultivo | Fonte: XUNTA - Arquivo

Aínda que adoitamos falar do mildiu coma un fungo, temos que dicir que bioloxicamente non o é. Trátase de Phytophtora infestans, un oomiceto do reino Protista --nin fungos, nin animais, nin plantas-- con características semellantes a un fungo, pero con importantes diferencias biolóxicas. Por exemplo, a parede celular dos oomicetos contén celulosa, non quitina, o que implica que o modo de acción dos funxicidas destinados ao control de P. infestans vai ser diferente dos funxicidas para fungos verdadeiros, como as roias ou o oidio. "Realmente, aínda que lle chamamos fungo, non é un fungo verdadeiro", sinala a investigadora. Este organismo actúa de maneira sixilosa. Primeiro sucede a rápida propagación dos esporanxios, uns 'saquiños' que conteñen as zoosporas. Estes esporanxios facilmente poden romper baixo condicións de alta humidade e favorecer a liberación destas partículas infecciosas flaxeladas cando hai auga libre. Estas zoosporas baixo condicións ambientais favorables, principalmente alta humidade, auga libre e temperaturas suaves, desprázanse, xerminan e penetran na planta co tubo xerminativo e penetran na planta co tubo xerminativo.

"Normalmente o rango está entre os 15 e os 25 graos, pero por ensaios que levamos feito sabemos que o ideal está entre os 17 e os 22 graos, e humidade relativa superior ao 80 % sendo o óptimo cando se supera o 88 % e con orballo ou auga libre", precisa Meno. Así, o denominado fenómeno do 'triángulo da enfermidade' --hospedante, patóxeno e condicións favorables-- é clave para que se desenvolva o mildiu. Neste caso, o cultivo da pataca actúa como hospedante; un patóxeno, o oomiceto P. infestans e condicións favorables con humidade e temperaturas no rango mencionado. E hai un cuarto factor que non se debe descoidar: o papel do agricultor ou agricultora. "O mildiu tamén pode verse favorecido polas decisións que o agricultor ou agricultora leve a cabo: a semente, as rotacións, a variedade, o rego...", resalta Meno, que sinala a importancia do emprego de semente certificada e a implementación dun plan de manexo interado de pragas e enfermedades que prioricen as medidas preventivas. "Recoméndase ao agricultor que empregue semente certificada que garantiza a sanidade do material de partida así como a combinación de diferentes estratexias: preparación do solo, a variedade, control de malas herbas, rotacións máis longas deste cultivo e tamén rotacións no sentido de empregar materias activas con distintos modos de acción en cada tratamento co fin de previr ou controlar esta enfermidade, así como o plan de regadío: cantidade e frecuencia e o momento do día", indica a investigadora da UVigo.

"CANDO O CULTIVO SE ATOPA EN COBERTURA TOTAL, COAS PLANTAS TOCÁNDOSE ENTRE SI, XÉRASE UN MICROCLIMA HÚMIDO E PROLONGADO CON MALA VENTILACIÓN"

Ademais, tamén hai etapas do cultivo especialmente sensibles a esta praga, como cando o cultivo se atopa en cobertura, é dicir, cando as plantas de cada fila chegan a unhas dimensións que fan que se toquen entre si, xerando microclimas con ventilación deficiente. "Créase entón un microclima entre o cultivo, a baixa ventilación e a maior humidade que pode derivar en condicións favorables para o mildiu. Neste punto do cultivo, cómpre ter especial coidado naquelas zonas de regadío", advirte Meno. Así mesmo, en Galicia, o impacto do cambio climático é cada vez máis evidente, o que tamén xoga a favor desta praga. Os ensaios do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) ao que Meno pertence, centráronse na comarca da Limia e, nos últimos anos, tamén en Coristanco, zonas con importantes diferenzas a nivel climático pero ambas vulnerables a esta enfermidade. En xeral, estase a ver que o cambio no patrón das choivas de maio e xuño --como sucedeu na campaña de 2024-- xera condicións perfectas para a aparición do mildiu no momento de maior desenvolvemento vexetativo do cultivo. Ademais, en Coristanco, un clima costeiro máis suave, con brétemas persistentes e alta humidade tamén favorecen a presenza e maior agresividade deste patóxeno.

Follas de plantas de pataca afectadas polo mildiu
Follas de plantas de pataca afectadas polo mildiu | Fonte: Commons

Como resalta Meno, ademais, "hai unha maior presión de mildiu nas zonas produtoras", como é precisamente o caso da Limia e Coristanco, porque "son zonas con grandes superficies adicadas á plantación de patacas, e, polo tanto, máis hóspedes para o patóxeno e maior cantidade de inóculo no ambiente, o que fai que o patóxeno se espalle rapidamente se as condicións son as ideais". E que acontece se o mildiu infecta á planta? As consecuencias poden ser devastadoras se non se controla a tempo. "O recomendable é tratar antes de que a planta estea infectada", di a investigadora, que destaca que "este intre pode ser difícil de predicir para o agricultor, de aí a importancia de contar coa axuda de sistemas de aviso que axuden á toma de decisións". No grupo de traballo GISA da UVigo no que Meno traballa, están a crear e axustar modelos adaptados a Galicia que axuden ao agro galego a predicir ataques de mildiu no cultivo da pataca e así poder facer un uso máis eficiente e respectuoso dos produtos fitosanitarios. En caso de que non fose posible adiantarse á enfermidade, recomenda "tratar no mesmo momento no que nos percatemos dos primeiros síntomas, pero pode ser tarde e máis difícil de deter". Pois, en moitos casos, de non facelo, as perdas de colleita poden ser moi significativas para o agricultor, mesmo totais no peor dos casos. Así, aínda a día de hoxe, un brote de mildiu "pode ser difícil controlar debido a que o uso excesivo e, ás veces, inaxeitado dos funxicidas está a favorecer que este patóxeno se faga resistente ás materias activas, como xa se detectou recentemente no Norte de Europa coa Mandiopropamida".

"A CALIDADE DA COLLEITA ESTÁ GARANTIDA CUN BO MANEXO INTEGRADO DE ENFERMIDADES DURANTE O CICLO DE CULTIVO; TEMOS BO EXEMPLO EN GALICIA"

Para combatelo, a estratexia máis empregada é o uso de funxicidas, xa sexan de contacto ou sistémicos. Os primeiros actúan sobre a superficie da planta e deben aplicarse preventivamente, porque non penetran nela, de maneira que se esta está infectada non van deter a enfermidade, se ben teñen a vantaxe de xerar menos resistencias. Iso si, hai que ter en conta que son facilmente lavables pola choiva, polo que se chove en días posteriores, se pode perder a súa persistencia. Os segundos, pola contra, son absorbidos e circulan polo interior da planta, detendo infeccións iniciadas cando están nos primeiros estadíos. "Son máis eficaces cando a enfermidade está nos primeiros estadíos, xa que a sistemia destes productos significa que a materia activa se move pola planta e chega a zonas que non entran en contacto coa pulverización", apunta Meno.

Unha preocupación habitual, sobre todo por parte dos consumidores finais, adoita ser se estes produtos chegan á pataca que logo comemos. Neste senxo, a investigadora da UVigo asegura que "o consumidor pode estar tranquilo". "Os produtos empregados para o control de pragas e enfermidades na agricultura teñen estritos controis, tanto antes de permitirse a súa venda e utilización como, os cultivos nos que se aplican e os seus produtos antes chegar ao supermercado", lembra, asegurando que "se o consumidor pode adquirir ese produto nun liñal dun supermercado ou tenda significa que é seguro, que superou os estritos controis e que os niveis están por debaixo dos límites permitidos". Iso si, considera que hai que facer fincapé na "necesidade de educar á poboación e aos traballadores do campo co fin de garantir a seguridade alimentaria e a proteción do medio ambiente por medio dunha agricultura sustentable de rendible, pero sobre todo resiliente".

"DENDE 2016 ESTAMOS VENDO UN NOTABLE INCREMENTO DA ALTERNARIA, OUTRO FUNGO DISTINTO AO MILDIU, QUE VAI SER PREOCUPANTE PARA O AGRO GALEGO"

Chegados a este punto, xorde unha interesante pregunta: existe a posibilidade de erradicar por completo o mildiu nun futuro? Fálase moito da posibilidade de introducir variedades resistentes de pataca, pero Meno apunta que, polo dagora, non hai aínda unha variedade de pataca completamente resistente ao mildiu, aínda que ben é certo que algunhas resisten mellor ca outras os seus envites, pero na maioría dos casos teñen baixa aceptación no mercado. De cara a lograr erradicar o mildiu nalgún momento, conta que xa se está investigando con técnicas como CRISPR, que permite editar posicións específicas das secuencias de ADN para inducir a resistencia a este patóxeno. "Introdúcense xenes de variedades silvestres atopadas en Perú, de onde é orixinaria a pataca, en variedades comerciais, para tratar de darlle esa resistencia fronte ao mildiu sen perder as características comerciais desa variedade", explica Meno, que engade que "esta técnica actualmente está a ser un tema de interese e debate polos estados membros da Comisión Europea e veremos o que acontece nos vindeiros anos".

En paralelo, en países coma Dinamarca, onde se atopa nestes momentos a investigadora, contan con plans de acción nacionais moi potentes contra o mildiu, que poderían servir de modelo para outros países. Dende alí, a investigadora da UVigo traballa nunha investigación en colaboración coa Universidade de Aarhus, prestixiosa a nivel mundial no tema do mildiu, que aborda ademais desta enfermidade, outra ameaza crecente: a alternaria, un patóxeno diferente ao mildiu que gañou terreo na última década. Aínda que os seus efectos son menores que os do mildiu, e están ligados aos últimos estadíos do cultivo da planta, pode afectar negativamente e adiantar a recolección ata 20 días, afectando ao rendemento. "Esta enfermidade é máis agresiva e provoca maiores perdas en ciclos máis longos", exemplifica. Así as cousas, Meno advirte de que "estamos vendo dende 2016 un notable incremento desta enfermidade acentuada polas consecuencias dos cambios no clima e eu creo que vai ser preocupante para o agro galego se continúa esta tendencia climática".

"O CAMBIO CLIMÁTICO ESTÁ TRAENDO PRAGAS A ZONAS ONDE ANTES NON ESTABAN E AUMENTANDO A AGRESIVIDADE DAS XA EXISTENTES"

"O cambio climático está traendo pragas a zonas onde antes non estaban e aumentando a agresividade das xa existentes e ese é un reto que xa temos no presente e que imos seguir tendo de cara ao futuro", advirte. Como pano de fondo, Laura Meno deixa claro que a loita contra as enfermidades dos cultivos é continua, técnica e esixente. Non é unha tarefa doada, non chega con mirar ao ceo e ao almanaque, hai que entender a bioloxía invisible que habita os campos, o seu comportamento e como cambia cos cambios de tempo, e prepararse para un futuro no que as pragas, lonxe de desaparecer, poderían ser máis complexas ca nunca. A investigadora destaca que o papel dos investigadores e investigadoras é axudar a este sector na busca das mellores estratexias que permitan convivir con estes problemas, velar pola seguridade alimentaria e o respecto polo medio no que vivimos, e, sobre todo, seguir facendo que o sector primario sexa o principal modo de vida para moitas familias galegas como o é hoxe en día. "En Galicia temos unha calidade destacada no agro. Os nosos agricultores e agricultoras dan o mellor de si cada día para que os consumidores dispoñan de produtos de calidade diferenciada. Dende este grupo de investigación tentamos ir da man do noso agro deseñando e probando ferramentas que axuden aos agricultores a que a agricultura sexa sustentable, respectuosa, rendible e resiliente", conclúe.

Follas de plantas de pataca afectadas polo mildiu
Follas de plantas de pataca afectadas polo mildiu | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta