Unha aplicación para traducir do latín ao galego

Latingal permite buscar unha palabra en latín e atopar a súa definición e equivalentes en galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/09/2016 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Latingal é a primeira aplicación que permite buscar unha palabra en latín e atopar a súa definición e equivalentes en galego. A app, dispoñible de momento para dispositivos con sistema Android, conta xa con máis de 30.000 entradas, e os seus creadores —os profesores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga— xa están traballando para desenvolveren unha versión compatible con iOS.

A aplicación móbil Latingal
A aplicación móbil Latingal | Fonte: Portal das Palabras.

A aplicación permite adaptar a aprendizaxe das linguas clásicas ás novas tecnoloxías e supón unha ferramenta útil para a tradución no ensino medio e superior, pois ofrece múltiples filtros de busca e permite a consulta dos termos fóra de liña, sen necesidade de conexión a Internet.

Latingal vén cubrir, segundo os seus creadores, un oco necesario para a normalización plena da nosa situación cultural e lingüística, ao converter o primeiro Dicionario latín-galego (publicado por Carracedo en Galaxia, 1999) nunha app con maior versatilidade e posibilidades.

CARACTERÍSTICAS

Latingal conta cun sistema de busca preditiva, que ben pode facerse por palabra ou ben aplicando algúns dos filtros de busca avanzada (“comeza por…”, “remata por…”, “contén…”). Ademais, tamén pode especificarse o tipo de palabra e o caso, ou entreterse realizando buscas aleatorias.

Das máis de 30.000 entradas coas que xa conta, ofrécese a categoría gramatical de cada termo, o equivalente na nosa lingua e mais indicacións semánticas e de uso, alén de exemplos en ambas as dúas linguas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta