OPINIÓN.- Reunión de célula

 Por Xurxo Ayán. Rotislav non puido saír do seu país, Chequia, até 1990. Montañeiro acérrimo, dende aquela adicouse á súa paixón agochada: viaxar. O seu pai xa fóra un cú inquedo, traballando na década de 1970 como instructor en Cuba, seguindo a máxima da colaboración entre pobos socialistas. Estudante de Psicoloxía e Económicas, veu a Compostela un cuatrimestre no curso 1999-2000. Os debates noitaregos con licor café daban para moito. Malia que era un neoliberal convencido (as súas razóns tería) nunha cousa non puiden levarlle a contraria porque a súa mirada de xenreira o dicía todo. Refírome ao seu noxo cando vía polas ruelas do campus ou nalgúns garitos o careto de Lenin, a fouce e o martelo, os pósters desgastados da loita comunista. Non comprendía como iso non estaba prohibido. Eu tentaba explicarlle que no franquismo o PC e afíns puxeron os mortos, que aquí foi símbolo da loita pola democracia na dictadura e que a nosa traxectoria pouco tivo que ver co devalar histórico de Checoslovaquia. Pero daba igual. Limitábase a dicir que eramos uns necios porque xogabamos con historias que non nos tocaran vivir, por sorte...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 09/09/2009

Comparte esta noticia

None

Malia a dictadura e a represión, a pesar do imperialismo soviético, un espazo simbólico segue a sobrancear a capital eslovaca, perfectamente coidado e respectado polos seus habitantes: o camposanto de Slavin onde repousan os soldados do Exército Roxo que deixaron a súa vida na liberación da cidade un mes antes do remate da 2ª Guerra Mundial. A homenaxe aos que morreron loitando contra o nazismo pervive aínda que foron eles, sen sabelo, os alicerces dun rexime de socialismo moi real. En Budapest o monumento á Liberación segue coroando o monte Géllert, malia as revolución de 1956 e 1989. Nos arrabaldos da capital húngara pódese visitar toda unha escenografía postmderna: o Szoborg Park a onde foron parar todas as estatuas soviéticas da cidade. Entre elas, o Monumento aos combatentes húngaros das Brigadas Internacionais (1968), de Aganenmom Makrisz.

Wolde é un funcionario do Goberno etíope, procedente dunha boa familia de Addis Ababa, moi ben relacionado na época do negus; este home abrazou a causa comunista na Universidade. A revolución acendía o espírito de mozos e mozas que procuraban pasar do Estado teocrático feudal a unha nova sociedade. Wolde participou nas campañas de alfabetización en rexións apartadas de Oromía ocidental, seguindo o modelo da revolución cubana. Co paso do tempo o sistema converteuse nunha sanguinolenta maquinaria represiva ao servizo dun novo dictador, Mengistu. Wolde renega do seu pasado e está comodamente colocado no novo stablishment do rexime de Meles, no poder dende 1991. Vive, con outros privilexiados do Goberno, nuns modernos bloques de edificios rodeados de arame para evitar o contacto con ese pobo ao que din representar federal e democraticamente.

Unhas imaxes recentes amosan un grupo de estudantes venezolanos chavistas (polo momento estás dúas palabras non son sinónimas) visitando a Fidel Castro. Os rapaces levan nas costas unha estrela vermella e debaixo unha verba: avogado. O dictador, con mellor cara que a última vez que se viu, dá varias clases maxistrais dende a política de Obama até o cambio climático. Os estudantes, educados no espírito crítico, fican espaponados escoitando ao Líder-que-todo-o-sabe. A escena remata co vello comandante repartindo a media páxina escrita por el para o diario Granma. Toda unha reunión de célula que amosa o patetismo da fase terminal das dictaduras xerontocráticas, coma os últimos anos de Franco ou os fastos de celebración do golpe de Estado de Gadaffi. Á fin e ao cabo, corenta anos non son nada para quen, como dicía Rotislav, tivo a sorte de non vivilos.

Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA