Os carballos son resistentes ao cambio climático

O enxeñeiro vigués Gonzalo Pérez de Lis conclúe na súa tese de doutoramento, na USC, que estas árbores posúen un sistema vascular moi especial que lles permite contar cunha grande resistencia fronte aos eventos climáticos extremos e, polo tanto, aos efectos do cambio climático en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/09/2016 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Os efectos do clima no crecemento do carballo e o uso das reservas de carbono centran a investigación realizada polo enxeñeiro vigués Gonzalo Pérez de Lis no marco da súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Ignacio García González (Universidade de Santiago - USC) e Vicente Fernando Rozas (Universidade de Valladolid) e presentada no Campus Terra da USC baixo o título 'Efectos do clima na formación de madeira de Quercus robur L. e Quercus pyrenaica Willd. ao longo dun gradiente de mediterraneidade en Galicia: unha análise integrada mediante fenoloxía, anatomía e dendroecoloxía'.

Carballeira galega
Carballeira galega

A investigación de doutoramento que vén de presentar Gonzalo Pérez de Lis Castro na Casa do Saber de Lugo salienta que os carballos (Quercus spp) posúen un sistema vascular moi especial, constituído por condutos de tamaño moi diverso na  madeira, que lles  permite contar cunha grande resistencia fronte aos eventos climáticos extremos e, polo tanto, aos efectos do cambio climático en Galicia.

O doutor Gonzalo Pérez de Lis Castro chegou a esta conclusión tras realizar un seguimento detallado dos procesos de formación de madeira en bosques de carballo ao longo de dous anos, nun gradiente de mediterraneidade en Galicia. Esta investigación, constitúe, por primeira vez para este tipo de especies, unha aproximación tanto descritiva como cuantitativa da resposta do crecemento aos cambios nas condicións meteorolóxicas.

USO DAS RESERVAS DE CARBONO

A monitorización do crecemento dos carballos complementouse co estudo das variacións no contido de reservas de carbono en madeira e a súa posible influencia sobre a formación do sistema vascular da árbore. Neste senso, a investigación apunta a que unha utilización conservadora das reservas en condicións de maior seca permitiría a estas especies contar cunha protección adicional do seu sistema vascular.

A temática da tese de doutoramento realizada por Gonzalo Pérez de Lis despréndese da liña de investigación que vén desenvolvendo desde finais dos anos 90 do pasado século XX o profesor da USC na Escola Politécnica Superior Ignacio García González en colaboración co profesor da Universidade de Valladolid Vicente Rozas Ortiz, e que se centra no estudo da resposta das árbores ao clima mediante o estudo dos seus aneis de crecemento, no ámbito da disciplina coñecida como dendrocronoloxía.

As novas achegas recollidas nesta tese, na que tamén colaboraron con Gonzalo Pérez de Lis os profesores Miguel Olano, da Universidade de Valladolid, Sergio Rossi, da Universisté du Québec à Chicoutimi (Canadá) e Rosana Vázquez Ruiz de Ocenda (USC), deron pé á publicación de varios artigos, dos que dous veñen de ser aceptados para a súa publicación en revistas de elevado impacto no ámbito da Ecoloxía das plantas, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta