A Universidade de Vigo máis galega

Pola volta de 1957 un equipo relevante de persoas dedicadas á ciencia, á técnica e á vida económica, entre os que sobranceaban Cruz Gallástegui, director da Misión Biolóxica de Galicia; Álvaro Gil Varela, Antonio Fernández e Isidro Parga Pondal, todos os tres directivos de Cementos Oural e Zeltia, entre outras, decidiron crear a Revista de Economía de Galicia, facendo parte do seu Consello de Dirección, dirixido por Xaime Illa Couto, e anos despois por Xosé Manuel Beiras.

Por Xosé Glez. | Redondela | 28/09/2016

Comparte esta noticia

O obxectivo da publicación era darlle sentido galego ás actividades económicas “que aquí teñen  lugar, en canto son e en cando deben ser para o futuro”. Mentres durou a súa publicación a revista acadou unha notable proxección e reputación, porque, entre outras cousas, había nos seus números abondosas estudos sobre planificación económica de moita actualidade na Europa dos anos sesenta, que se complementaban con outros sobre os nosos sectores produtivos da autoría dos mellores especialistas daqueles anos.

O máis innovador daquela experiencia editorial foi a súa filosofía que relacionaba a economía e a cultura, “cuxa vinculación positiva non sempre se ten en conta; porque en Galicia non é infrecuente que se contrapoñan eses dous conceptos. O factor económico inflúe na cultura. Pero non é menos certo que a cultura inflúe decisivamente no desenvolvemento económico”. Aquí radicaba a novidade da filosofía económica do Consello de dirección  da revista. As súas propias empresas foron exemplo dese compromiso coa cultura galega.

A revista creou escola de pensamento económico en clave galega e galeguista, que deu pé a innumerables monografías socioeconómicas para o estudo das riquezas naturais de Galicia, seguindo o traballo iniciado por Lucas Labrada e outros coetáneos da Ilustración do século dezaoito.

Aquel espírito creativo debeu ter continuidade a partir da creación da Facultade de Económicas da USC en 1968, que coincide coa publicación do derradeiro número da Revista de Economía de Galicia; pero o certo é que co paso do tempo foron escaseando as publicacións de estudos económicos referidos a Galicia. Esta carencia bibliográfica incide negativamente na formación dos universitarios de económicas e empresariais e nas súas actitudes respectos dos problemas do país.

O Foro E. Peinador tense preocupado por estas carencias e vén pregoando a necesidade de recuperarmos aquel espírito de galeguidade nos centros académicos, abrindo novos espazos para o coñecemento da historia e pensamento económico de Galicia con inequívoca conexión coa cultura. Hoxe albiscamos unha pequena posibilidade para levarmos a cabo ese propósito contando co entusiasmo do equipo directivo da Escola Universitaria de Estudos Empresarias da Universidade de Vigo, formado por Consuelo Currás Valle (directora), María Jesús Barsanti Vigo, María del Mar Riveiro Pérez, Araceli González Crespán e Emilio García Roselló, dispostos todos eles a converteren a Escola nun centro de referencia no sistema universitario galego, empeño no que serán apoiados polo Secretaría  Xeral de Política Lingüística.

Tres serán as actuacións que se desenvolverán para poñeren pé esta nova experiencia:

1. Organizar un módulo formativo anual con contidos que complementen os estudos teóricos do currículo académico para un mellor coñecemento da realidade soecioeconómica de Galicia e as estratexias aplicables á xestión empresarial en íntima conexión coa nosa identidade cultural que dea pé a unha marca-país galega.

2. Como todo intento anovador precisa dun microclima cultural propicio para desenvolver a pedagoxía necesaria, as aulas bautizaranse cos nomes de recoñecidos empresarios de éxito que na historia de Galicia deixaron a súa inequívoca pegada de galeguidade: Enrique Peinador Lines, Antonio Fernández López, José Fernández López, Ramón Obella Vidal, Álvaro Gil Varela, Xesús Cabanal Fuentes, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, Isidro Parga Pondal, Valentín Paz Andrade, Ramón Castromil,  e a histórica figura de Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, exemplo de empresario innovador adiantado ao seu tempo.

3. Estas actuacións complementaranse cun premio anual para fomentar o uso da lingua galega ao tempo que se procurará a adhesión dos docentes a participar nesta arela galeguizadora.

As universidades galegas teñen a obriga de alentar este espírito anovador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA