Balaídos recupera Europa

O Celta recibe o Panathinaikos grego no regreso da competición europea a Vigo case dez anos despois. Os do Toto Berizzo, que de novo fará rotacións, buscan unha vitoria para encarrilar a súa clasificación tralo empate en Liexa.

Por gcdeportes | Vigo | 29/09/2016 | Actualizada ás 08:02

Comparte esta noticia

Case dez anos despois (0-1 co Werder Bremen en marzo do 2007), Balaídos volverá acoller un partido europeo. Ese momento co que Iago Aspas soñou durante moito tempo. Despois do empate en Liexa de hai quince días, o Celta busca esta tarde en horario intempestivo (19.00 horas dun día laborable) unha vitoria ante o Panathinaikos grego para deixar medio encarrilada a súa clasificación na Europa League antes de recibir o Barça o domingo.

“Volver a unha competición europea despois de tanto tempo e un gran agasallo para nós e unha gran nova para o club e a cidade”, recoñeceu o Toto Berizzo, quen malia anunciar que as rotacións non serán “masivas”, xa deixou fóra da lista a catro titulares contra o Espanyol: Sergi Gómez, Roncaglia, Radoja e Bongonda. “O partido contra o Barça non nos condiciona. Enfrontámonos a un grande de Europa e queremos vencelo coas nosas armas”, dixo o técnico.

O Celta aínda non recuperou as boas sensacións do ano pasado no seu xogo, pero pasou a ansiedade polas tres primeiras derrotas consecutivas en Liga. Agora suma xa catro partidos invicto, con dúas vitorias consecutivas en Liga e empates en Pamplona e Bélxica. Pero tanto Berizzo como Iago Aspas, na previa do partido, avisaron da “importancia” que ten en Europa gañar os partidos da casa.

Todo apunta a que Andreu Fontás volverá xogar dez meses despois, e as fichaxes como Pione Sisto, Álvaro Lemos ou José Naranjo poderían ter a súa oportunidade de saída. E o experimentado Giuseppe Rossi, autor do gol en Liexa, estaría na mediapunta liderando o xogo de ataque celeste.

Pola súa banda, o Panathinaikos, líder na súa liga tras tres xornadas nas que non encaixou ningún gol, chegou a Vigo con catro baixas importantes: os sancionados Wakaso e Ivan Ivanov, expulsados na derrota 1-2 fronte ao Ajax, e os lesionados Niklas Hult e Giandomenico Mesto, polo que o técnico italiano Andrea Stramaccioni podería trocar o seu esquema habitual de 3-5-2. Na previa, Aspas destacou no conxunto grego a Marcus Berg, rival de Guidetti na dianteira da selección sueca, e o centrocampista arxentino Cristian Ledesma.

Case dez anos despois, cita europea nun Balaídos en obras.

O italiano Giuseppe Rossi liderará o ataque celeste contra o Panathinaikos.
O italiano Giuseppe Rossi liderará o ataque celeste contra o Panathinaikos. | Fonte: @rccelta_oficial

O Celta volveu xogar en Europa hai quince días en Liexa.
O Celta volveu xogar en Europa hai quince días en Liexa. | Fonte: @rccelta_oficial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta