Caballero dá por rematado o tempo de Pedro Sánchez e abre máis a fenda entre socialistas galegos

O alcalde de Vigo considera "disolta" a Executiva Federal do PSOE. Pilar Cancela, que encabeza a xestora do PSdeG, sae en defensa de Sánchez. As Xuventudes Socialistas rexeitan facer calquera valoración pública desta crise estatal e galega, e Leiceaga mantén o silencio.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A guerra fratricida no PSOE está deixando feridas entre os socialistas galegos que poderían non cicatrizar. A tensión é más que evidente entre toda a familia socialista. Pero mentres algúns xa están tomando vantaxe, outros prefiren agardar e reservar as súas opinións e posicionamento. Quen máis está dando a batalla en Galicia é o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen nunca ocultou a súa oposición a Pedro Sánchez. O rexedor vigués quere tomar as rendas do PSdeG e ser un elemento clave no derrocamento do aínda secretario xeral do PSOE. Sen ambaxes, Caballero saíu hoxe para dar por rematado o tempo de Sánchez. Para o alcalde de Vigo, a Executiva Federal do PSOE "quedou disolta" este mércores ao dimitir 17 membros desta. 

Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia
Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia | Fonte: PSdeG.

CABALLERO, ADAÍL DOS OPOSITORES A SÁNCHEZ EN GALICIA

A guerra no PSOE contra Pedro Sánchez ten en Galicia un adaíl: Abel Caballero. O alcalde de Vigo hai tempo que non disimula a oposición ao proxecto renovador de Pedro Sánchez e a súa estratexia política para formar goberno en España. Caballero vén enfrontándose contra o seu secretario xeral con vellos líderes —os baróns galegos— como Pachi Vázquez e Pepe Blanco para desfacerse tamén dos afíns a Sánchez, que dirixen actualmente o PSdeG mediante a xestora creada pola Comisión Executiva Federal do PSOE e  liderada por Pilar Cancela, tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro. Os feos e desplantes de Abel Caballero a Pedro Sánchez non son novos, por iso non sorprende que agora dea por "disolta" a Executiva Federal, o que abre o paso para o derrocamento do secretario xeral.  "Aconteceu outras veces, non entendo o dramatismo dalgúns", afirmou o alcalde socialista hoxe mesmo.

"No PSOE hai uns estatutos e unha tradición, e é que cando se disolve a Executiva, fanse cargo do partido ou ben os comités rexionais ou nacionais, ou ben unha xestora que dirixa o partido ata o próximo congreso", argüíu Caballero nunha entrevista en Onda Cero na que deixou claro que el é partidario dunha xestora en Madrid.

En relación á elección dun novo secretario xeral, o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) afirmou que será a militancia a que o decida, ao igual que "o rumbo do partido". Caballero mostrouse sorprendido pola "facilidade" coa que algúns dirixentes do PSOE argumentan "de forma nesgada". "Os mesmos que defenden que siga funcionando unha xestora en Galicia, son os mesmos que din que non se pode pedir un cambio de dirección ou de actitude política", sinalou.

Pedro Sánchez con Abel Caballero nun mitin do PSdeG
Pedro Sánchez con Abel Caballero nun mitin do PSdeG | Fonte: vigoe.es

Ao ser preguntado por se considera a Pedro Sánchez como o "peor secretario xeral que tivo o PSOE", Caballero explicou que "non hai que enfocalo dese xeito", que é unha situación "complexa", que non pode quedar en "reducionismos a unha soa persoa". "Está claro que levamos un rumbo equivocado, onte dicíao Felipe González e eu compártoo enteiramente" afirmou o alcalde de Vigo.

En relación á posibilidade dunhas terceiras eleccións, Caballero sinalou que sería "moi malo" para España e para o propio Partido Socialista. "Non teño memoria de ningún país democrático que celebrara dúas eleccións sen obter ningunha solución de goberno; por certo, eleccións ás que nos levou Podemos, eses que agora dan leccións de democracia", afirmou.

Caballero afirmou tamén que é unha situación "moi difícil" porque se o candidato a presidente do Goberno do PP, Mariano Rajoy, non saíse investido e houbese unhas terceiras eleccións, "o PP podería obter maioría absoluta". "Temos que pensar primeiro nos intereses de España e despois nos intereses do partido".

O alcalde socialista explicou que ten que haber debate no PSOE" para decidir "o rumbo do partido", que non todo se reduce a "Rajoy si ou Rajoy non", porque se asi fose, sempre sería "non a Rajoy". "Hai moitas máis cuestións a ter en conta", sinalou.

SECTORES AFÍNS A SÁNCHEZ

Se Caballero decidiu liderar o derrocamento de Sánchez en Galicia, Pilar Cancela é quen tomou as rendas entre os que apoian ao aínda secretario xeral do PSOE. Cancela, que lidera a xestora do PSdeG, non dubidou en enviar onte a Pedro Sánchez todo o seu apoio, nas horas críticas nas que a sede socialista de Ferraz, en Madrid, se converteu nunha sorte de ring de loita libre.

"Compañero @sanchezcastejon, tienes mi respeto y apoyo incondicional, porque mientras no haya primarias y congreso, tú representas al PSOE!!", escribiu Cancela en Twitter.

Xa en declaracións para a TVG, Cancela considerou unha "loucura" as 17 dimisións na Executiva do PSOE e defendeu que estes movementos só levarán ao "suicidio" do partido. Segundo a líder dos socialistas galegos, o único que están a facer os dimisionarios é "roubarlle á militancia a súa capacidade de decisión". "Algúns esquecen que neste partido se deu un salto fundamental", que é que "a dirección e os candidatos os decide a militancia e que foi a militancia a que elixiu este secretario xeral", argumentou Pilar Cancela.

Por iso, deduce que entre os opositores a Sánchez "hai medo ao exercicio democrático". O que está en xogo, segundo a representante socialista, é "se o PSOE se converte nun partido de centro moderado ou se volvemos ser un partido de esquerda, que é o que nos pide a militancia", sentenciou Cancela, quen insistiu: "Se co noso voto debemos facilitar un goberno do señor Rajoy, eu seguirei dicindo que non.

Mentres a vella guarda do PSdeG toma vantaxe, co triunvirato Abel Caballero, Pepe Blanco e Pachi Vázquez movendo as fichas para rematar a partida cun xaque mate, sectores máis reformistas e afíns a Pedro Sánchez en Galicia mantéñense en silencio ou máis comedidos publicamente. É o caso, por exemplo, das Xuventudes Socialistas, que malia que é coñecido o seu apoio ao secretario xeral do PSOE, prefiren gardar silencio e esperar a ver que acontece.

Inquiridos por GC, os máis novos do PSdeG rexeitaron facer calquera valoración sobre o terremoto que está destruíndo o PSOE e cuxas réplicas sacuden ao socialismo galego. "Non imos facer valoracións públicas, o que teñamos que dicir farémolo nos órganos internos do partido", insistiu Aitor Bouza, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia. 

Tamén Xoaquín Fernández Leiceaga, quen foi o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, garda silencio, malia ser afín a Sánchez, de quen recibiu gran apoio na campaña electoral.

Esta división dos socialistas galegos e as declaracións públicas dos contrarios a Pedro Sánchez contrastan co que acontece nas outras dúas autonomías históricas do Estado, Cataluña e Euskadi, onde se está pechando filas arredor do secretario xeral do PSOE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 expaña e merda

A MAREA E DO PP!!!!! (-P-VIEIRAS ANORMAL ESTIVECHES A VENDER DURANTE ESTES ULTIMOS 8 ANOS UNHA TRAPALLADA QUE LLE VAI DAR O PP O PODER DURANTE 12) (en canto a cxg onde carallo estan eses votos galeguistas dos que falabais no congreso do bloque ONDE CARALLO ESTAN??? , si sodes un partido residual, e que nin siquera testimonial como pode ser por exemplo o pacma na Galiza... o que fixechedes en vilar dos santos foi moito, foi grande cacicada, dichedes votos o expañolismo e casi facedes perder o nacionalismo galego un deputado por ourense, o voso e grave, moi grave deveriades facelo mirar por un psiquiatra... prostitutrices de podreiros do expañol!!! -VIEIRISTAS TRAIDORES!!!!) consciente o inconscientemente o grupo podreiros-merdeyha ou mareados esta dandolle o poder o PP, perderon una oportunidade de sacar o PP o marijuanato criminal e podeser que non teñan outra... a "izquierda" española e xa o camarote dos irmaos marx...

1 Gamela

Pepe Blanco escondido en Bruxelas (Angrois) / Pachi Vazquez (negocios pendentes) / Caballero vendendo pisos propiedade do Concello máis saneado de España (dísque) ? http://www.farodevigo.es/gran-vigo/... Vaia tropa, se o fundador do PSOE levantara a cabeza os corría a bastonazos!!!