75 anos e en ascenso

O Pontevedra pecha os actos de celebración das súas vodas de platino cunha vitoria por 3-0 fronte ao CD Lealtad que lle serve para meterse nos postos de play-off de ascenso. Novo tropezón do Racing de Ferrol, que non pasou do empate na Malata co pechacancelas.

Por gcdeportes | Pontevedra | 17/10/2016 | Actualizada ás 09:06

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Pontevedra CF 3:
Edu; Miguel, Jacobo Trigo, Bruno, Bonilla; Kevin Presa, Álex Fernández; David Añón (Mateu, 56’), Mouriño, Álex González (Abel, 56’) e Mario Barco (Portela, 75’).
CD Lealtad 0: Porrón; Omar, Alberto, Álex Blanco, Keko; Gallego (Álvaro Muñiz, 68’), Llano, Mendi, Jandrín (Camporro, minuto 85); Garrido (Johannesson, minuto 75) e David Grande.
Goles: 1-0: Mateu (minuto 57). 2-0: Jacobo Trigo (64’). 3-0: Miguel (81’).
Árbitro: Domínguez Zapatero (castelán). Amarelas a Miguel, Mario Barco e Abel polo Pontevedra e a Keko polo Lealtad.
Incidencias: estadio municipal de Pasarón ante arredor de 5.500 espectadores. O partido serviu de colofón aos actos polo 75 aniversario da fundación do Pontevedra CF. Cholo, presidente de honra, acompañado por Celdrán e Calleja, integrantes do mítico Hai Que Roelo, fixeron o saque de honra e xogadores de distintas etapas saltaron ao campo no descanso, entre un corredor formado por xogadores dos equipos base, para recibir a ovación da afección. O equipo estreou a camiseta conmemorativa do 75 aniversario, que lucirá de xeito exclusivo durante esta tempada.

Os históricos do Pontevedra reciben a homenaxe no descanso. / Diego Torrado / pontevedraviva.com
Os históricos do Pontevedra reciben a homenaxe no descanso. / Diego Torrado / pontevedraviva.com

Este domingo, 16 de outubro, cumpríanse xusto os 75 anos do coñecido como Pacto das Palmeiras, que simbolizou a fusión do Eiriña e o Alfonso e serviu para a fundación do Pontevedra CF. O equipo granate aproveitou a efeméride para agasallar a súa afección cunha vitoria (3-0 ante o CD Lealtad) que lle serve para meterse nos postos de play-off de ascenso. Os de Luisito levan catro xornadas sen perder e suman 10 dos últimos 12 puntos disputados. Final feliz pois aos actos de celebración do 75 aniversario da fundación do Pontevedra.

Tras protagonizar unha primeira parte espesa e sen apenas ocasións, o Pontevedra reaccionou tralo descanso coa entrada no campo de Abel e Mateu no minuto 56. Non levaba nin un minuto no campo o dianteiro mallorquino cando marcou o 1-0 tras un centro de Miguel. Tan só sete minutos despois, Jacobo Trigo facía o segundo tras un corner. E aínda houbo tempo para un terceiro gol, obra de Miguel no minuto 81. Foi un final feliz a unha xornada para a historia, na que o Pontevedra celebrou as súas vodas de platino.

Racing de Ferrol 1 – Burgos 1: non puido pasar do empate o Racing na Malata ante o pechacancelas, Burgos, que só levaba 2 puntos en oito xornadas. Prosi adiantou aos visitantes no minuto 15 cun lanzamento de falta, e Joselu empatou de penalti para o Racing no minuto 68. Os de Míchel, con 9 puntos en nove xornadas, suman tan só un punto nos últimos tres encontros, con un empate e dúas derrotas.

Arandina 4 – Coruxo 0: non tivo opcións o Coruxo na súa visita ao Arandina e encaixou a maior goleada no que vai de Liga. Jefté marcou os dous primeiros xa antes do descanso (minutos 16 e 33), o equipo vigués quedou con dez pola expulsión de Campillo no minuto 58 e encaixou dous máis antes do remate. O Coruxo suma 10 puntos.

Tres integrantes do mítico Hai que roelo fixeron o saque de honra.
Tres integrantes do mítico Hai que roelo fixeron o saque de honra. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

CD Izarra 1 – Boiro 1: puideron sumar os tres puntos os de Fredi Álvarez na súa visita a Estella, pero un protestado penalti no minuto 70 permitiu aos locais igualar o tanto de Marcos Álvarez no primeiro tempo. O CD Boiro, tras dúas xornadas sen gañar, é 16º con 8 puntos.

Caudal 2 – Somozas 0: segue a mala xeira do Somozas, que suma xa sete xornadas sen gañar. Caeu 2-0 na súa visita ao Caudal de Mieres e a súa única vitoria foi na segunda xornada. Dende entón, tan só tres empates en sete xornadas, con catro derrotas.

Celta B 1 – Valladolid B 0: terceira vitoria consecutiva do filial céltico, grazas a un gol de penalti de Borja Iglesias no minuto 68. O Celta B vai terceiro con 20 puntos, a cinco do líder o invicto Racing de Santander e con cinco de vantaxe sobre o quinto clasificado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta