BRUSELAS | 19/10/2016 | Actualizada ás 17:56 por EUROPA PRESS
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este mércores a importancia de ter en conta o impacto social e económico ao negociar as posibilidades de pesca no océano Altántico, de tal forma que se consiga "conxugar" o mantemento dos stocks cos intereses do sector.
"Nestes momentos, na política pesqueira que temos aprobada entre os Vinteoito pesan de igual xeito os criterios económicos, sociais e ambientais. Polo tanto, os datos científicos temos que conxugalos co impacto social e económico", defendeu, en declaracións aos medios tras reunirse co director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Joao Aguiar.
Así, a conselleira asegurou que ten a "esperanza" de que se poidan amortecer as recomendacións dos estudios científicos, que apostan por importantes reducións nos Totais Admisibles de Capturas (TAC) para o xurelo, pescada, cigala e galo.
"Sempre, cando veñen os datos científicos, logo hai que analizalo e negocialos no Consello de ministros", recordou Quintana, para despois apuntar que en ningún caso dubida da exactitude dos datos científicos.
O Executivo comunitario ten previsto presentar a súa proposta sobre TAC e cotas do Atlántico a finais de outubro ou principios de novembro, baseándose nos datos científicos. Posteriormente, os ministros de Pesca dos Estados membros negociarán as posibilidades de pesca na súa reunión de decembro.
Desta forma, a conselleira explicou que as administracións central e autonómicas están estudando os datos para que a ministra Isabel García Tejerina e o seu equipo "dispoñan da mellor información posible para defender os intereses do sector pesqueiro tanto español como galego".
En calquera caso, reivindicou que "non se poden dar cambios bruscos dun ano para outro" posto que "non hai quen aguante unha actividade económica se dun ano para outro se cambian as posibilidades de pesca un 90%". "Non hai empresa que sexa capaz de manter a actividade económica con estas variacións", insistiu.
CRECEMENTO AZUL
A conselleira e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López, reuníronse con Aguiar para presentar os resultados da estratexia Crecimiento Azul do porto de Vigo. Tras a reunión, ambos os dous saíron "cheos de satisfacción", en palabras de Quintana, posto que Bruxelas os felicitou polo "traballo excelente" do seu deseño.
Así, a conselleira detallou que os grupos de traballo identificaron 38 proxectos e 44 accións. Algunhas das accións, explicou, xa se finalizaron e outras están aínda en marcha. En canto aos proxectos, Quintana asegurou que algúns xa comezaron e todos, como mínimo, están perfilados.
En concreto, destacou a creación dun instituto legal para abordar "todos os aspectos que teñen que ver co mundo do mar" e que xa está en funcionamento. O primeiro encargo deste instituto é un estudio sobre as consecuencias do Brexit no sector pesqueiro galego.
Pola súa banda, López recalcou que o Porto de Vigo terá que estar preparado para subministrar gas licuado, sobre todo a cruceiros, polo que está a desenvolver un proxecto que, ao seu xuízo, estará operativo nun ou dous anos. Isto, afirmou, converteríao no primeiro porto en España capaz de subministrar gas licuado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.