O Lugo volve tropezar

O equipo lucense cae 2-1 en Reus tras unha pésima primeira metade na que encaixou dous goles en dous minutos. Joselu acurtou distancias tralo descanso. Segunda derrota consecutiva e tres xornadas sen gañar.

Por gcdeportes | Lugo | 22/10/2016 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CF Reus 2:
Edgar Badía; Alberto Benito, Olmo (Melli, 52’), Pichu Atienza, Ángel Martínez; Folch, Albístegui; Ricardo Vaz, Fran Carbiá (Jorge Díaz, 56’), Miramón (Vitor Silva, 65’) e Máyor.
CD Lugo 1: Xose Xoan; Jordi Calavera, Dealbert, Carlos Hernández, Manu (Brayan Perea, 40’); Carlos Pita, Seoane; Iriome, Campillo (Carmona, 67’), Pedraza (Pablo Caballero, 72’) e Joselu.
Goles: 1-0: Máyor (minuto 24). 2-0: Fran Carbia (26’). 2-1: Joselu (56’).
Árbitro: Valdés Aller (castelán). Amarelas a Ramón Folch (74’) e Edgar Badía (91’) nos locais e a Seoane (2’) nos visitantes.
Incidencias: partido da 11ª xornada disputado no Estadi Municipal de Reus ante 3.992 espectadores.

Carmona cae ao chan trala entrada dun rival.
Carmona cae ao chan trala entrada dun rival. | Fonte: lfp.es

O Lugo non apareceu no primeiro tempo e encaixou dous goles en dous minutos. Reaccionou tralo descanso e Joselu, quen se non, acurtou distancias. Os lucenses puideron empatar (Carmona tívoa a cinco minutos do final), pero non marcaron e encaixaron a segunda derrota consecutiva. Suma tan só 1 dos últimos 9 puntos disputados.

Luis César repetiu once, agás a entrada de Dealbert no centro da defensa pola baixa de Ignasi Miquel, pero o Lugo estivo irrecoñecíbel no primeiro tempo, que tivo no Reus un dominador claro. De feito, non houbo nos primeiros 45 minutos ningún disparo perigoso dos lucenses. Os cataláns, ben organizados e con criterio, foron donos do partido e acadaron o premio no minuto 24: Máyor atopou un balón na área e bateu a Xose Xoan cun disparo cruzado. No seguinte ataque dos locais, o segundo: Carbia recibiu un pase de Máyor e fixo o 2-0. Olmo tivo o terceiro a tres minutos do descanso, despois de que un mancado Manu fose substituído por Brayan Perea.

O Lugo saiu decidido a desquitarse da mala imaxe do primeiro tempo e loitar polos puntos. E Joselu, coa testa no minuto 55, tras asistencia de Pedraza ao segundo pau, marcou o 2-1 que deu esperanza aos lucenses. Os de Luis César fixéronse donos do encontro, co Reus defendendo a vantaxe. O técnico lucense meteu toda a artillaría, e acabou xogando con Joselu, Brayan Perea e Pablo Caballero en punta. Calavera, Caballero e Joselu tiveron as súas opcións, pero sen éxito. A cinco minutos do final, Carmona tivo o empate cun zurdazo que Edgar Badía evitou. Máyor, no tempo engadido, disparou ao traveseiro para os locais.

O Lugo xa pensa na visita do Cádiz ao Anxo Carro tras encaixar a segunda derrota conseuctiva e sumar tres xornadas sen gañar, mentres que o Reus ascende á segunda posición con 20 puntos, tres máis que os de Luis César.

Campillo recolle o balón tralo gol de Joselu para ir a polo empate.
Campillo recolle o balón tralo gol de Joselu para ir a polo empate. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta