O Celta, superior no derbi

O equipo celeste vence 4-1 o Dépor con goles de Hugo Mallo, Orellana e dous de Iago Aspas. O partido rachouse na última media hora tralo penalti sinalado por man de Sidnei. O Celta suma 13 puntos, por 8 do Deportivo.

Por gcdeportes | Vigo | 23/10/2016 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Celta 4:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Daniel Wass; Orellana (Pione Sisto, 90'), Theo Bongonda (Chelo Díaz, 74') e Iago Aspas (Giuseppe Rossi, 88').
Deportivo 1: Poroto Lux; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Navarro; Pedro Mosquera, Guilherme (Celso Borges, 80'), Bruno Gama (Marlos Moreno, 64'), Fayçal Fajr; Ryan Babel (Carles Gil, 73') e Florin Andone.
Goles: 1-0: Hugo Mallo (32'). 1-1: Raúl Albentosa (37'). 2-1: Iago Aspas, de penalti (60'). 3-1: Orellana (77'). 4-1: Iago Aspas (82')
Árbitro: Álvarez Izquierdo (catalán). Amarelas a Hugo Mallo (41'), Tucu Hernández (67') e Orellana (70') no Celta e a Raúl Albentosa (30'), Guilherme (55'), Sidney (58'), Lux (58') e Pedro Mosquera (74') no Deportivo.
Incidencias: partido da 9ª xornada de Primeira División no estadio municipal de Balaídos ante 21.000 espectadores. A cantante Andrea Pousa interpretou o himno galego nos prolegómenos do partido. Eduardo Berizzo cumpriu 100 partidos como adestrador do Celta.

Foi mellor o Celta. Acusou o golpe e pasou por momentos de dúbida tralo empate do Dépor, pero acabou goleando no derbi liderado por Orellana e Iago Aspas. O partido rachouse na última media hora co 2-1 tralo penalti por mans de Sidnei, pero o Dépor, sen Celso Borges e Emre Çolak por decisión técnica, só creou perigo a balón parado. Foi un dos partidos máis felices para Iago Aspas, que por fin gañou e marcou nun derbi. Dous do de Moaña, Hugo Mallo e Orellana foron os goles celestes; Raúl Albentosa marcou coa testa o gol deportivista. O Celta suma 13 puntos, por 8 do Deportivo.

Iago Aspas celebra un dos goles ao Dépor no derbi.
Iago Aspas celebra un dos goles ao Dépor no derbi. | Fonte: lfp.es

Co once agardado, o Celta foi o de sempre, con moita intensidade, no arrinque do derbi. Recuperaba axiña o balón e a movilidade de Orellana creaba moito perigo para o Dépor  No minuto 12, a primeira ocasión clara: xogada do chileno, que abriu á banda para Hugo Mallo, e o centro do capitán rematouno coa testa Wass para o paradón de Lux a córner.

O Dépor estaba moi pechado atrás, e só pisaba área rival con accións a balón parado, pero co paso dos minutos baixou a intensidade do Celta e o partido igualouse. O primeiro gol chegou pasada a media hora, nunha asistencia de Orellana para a chegada á area de Hugo Mallo, que fixo o 1-0. Non durou moito a vantaxe celeste, xa que cinco minutos despois, a balón parado, como se non, chegou o empate do Dépor, cun remate coa testa de Raúl Albentosa.

O Celta tentou recuperar a intensidade tralo descanso, e meteu ao Dépor na súa área con tres córners nos dous primeiros minutos, pero o Dépor saiu máis arriba e o balón pasou varios minutos en campo celeste. A decisión do Dépor favoreceu o xogo celeste, con máis espazos a campo aberto. Nunha contra celeste, centro de Orellana e remate coa testa de Iago Aspas que peta na man de Sidnei. O árbitro non dubidou: penalti e primeiro gol do dianteiro de Moaña. O Dépor tivo unha boa ocasión para o empate, de novo a balón parado: falta ao bordo da área lanzada por Guilherme contra a barreira e o rexeite de Fayçal Fajr pasou rozando o pau dereito de Sergio Álvarez.

O Dépor estaba obrigado a buscar o empate, e os celestes aproveitaron para sentenciar o derbi á contra. Un centro de Jonny dende a esquerda foi o 3-1 de Orellana coa testa. E tan só cinco minutos despois, erro de Albentosa, o mellor no Dépor, para o 4-1 de Iago Aspas, con calidade na definición no man a man con Lux e coa celebración cara a bancada dos deportivistas.

Duelo espectacular de Albentosa e Aspas, dous dos mellores no derbi.
Duelo espectacular de Albentosa e Aspas, dous dos mellores no derbi. | Fonte: lfp.es

Para o Toto Berizzo, o resultado foi un castigo excesivo para o Dépor. “O nivel de medio campo para adiante non se pode comparar”, asumiu Gaizka Garitano, quen respondeu cun “decisión técnica” á pregunta pola ausencia de Emre Çolak, o máis destacado nas últimas citas do Dépor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta