OPINIÓN.- Triste Rosa

 Por Manuel M. Barreiro. Rosa (Díez) de España prosegue a súa tornée outonal por cidades de provincias. Tocoulle vez á Coruña onde se sabe comprendida e silandeiramente querida entre náufragos do vazquismo, financeiros á espera de rescate e soberbios heraldos da «voz da rúa». Antes de comentar no Club Financeiro a marcha xeral da historia e da economía da patria, exhibiuse desafiante para disputarlle a Núñez Feijóo os votos de Galicia Bilingüe, gorentoso celeiro electoral co que quere engordar a franquía galega de UPyD...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 02/11/2009 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

None

Rosa Díez é unha experimentada populista, habelenciosa nesa política que definiu atinadamente o poeta e dramaturgo Louis Dumur como «a arte de servirse das persoas, facendo crer que se lle serve». Díez aprovéitase da fraquezas de PP e PSOE para postularse como síntese, e ao mesmo tempo superación, das forzas nucleares do bipartidismo español, abandeirando un progresismo baleiro, cinicamente dereitista e neocentralista.

Un dos máis influentes blogueiros italianos, Roberto d'Agostino, confesáballe a Miguel Mora, corresponsal de El País, que quen manda en Italia é «unha trama de intereses. Chámalle P2, P3 ou P4, que decide se es de fiar e te dan ese papel. Ti só non chegas aí. Son eles quen mandan». O fío condutor da axenda agochada de Rosa Díez non é outro que o seu degoiro por seducir aos poderosos xestores das nosas P2, P3 ou P4 de que ela é de fiar e de que o seu populismo, raquítico en votos e anémico en cultura democrática, necesita do seu agarimo mediático e financeiro para triunfar como remedio para todos os males de España.

Aínda é pronto para saber se Rosa Díez será adoptada pola grande aristocracia dos negocios e polos construtores da opinión pública como unha utilitaria alternativa de poder, mais como pouco Feijóo tenlle que estar moi agradecido, que o acuse de ser moderado e centrista é a mellor promoción que se lle pode facer ao líder dos novísimos conservaduros galegos. De Monte Pío deberían mandarlle un galano cunha sentida nota: «Rosa vermella, fachendosa rosa, triste rosa de todos os meus días.»

Manuel M. Barreiro  é historiador e analista político, mantedor do blog De paso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

2 david

Nada Barreiro, nada, ya sabemos que tu de estar frente a los lobos, como Rosa lleva muchos años, te harías uno de ellos. ¿O ya te has hecho?

1 Cabaleiro

Esta Rosa Díaz non aporta nada máis do no seu dia Gil y Gil co seu populismo rancio e envilecedor