No verdor cinguido de Dharamkot

Terceira crónica do profesor Gabriel Rei-Doval desde a India. Desta volta narra as súas experiencias nas instalacións meditativas de Vipassana Sikhara.

Por Galicia Confidencial | India | 31/10/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Dharamsala converteuse no corazón tibetano da India trala ilegal ocupación militar, anexión política unilateral e brutal masacre do Tíbet por parte da China maoísta. Así comezou o éxodo masivo de milleiros de tibetanos fuxindo do exterminio físico dunha falsamente chamada "revolución" que nada tivo de cultural e moito de crimes de lesa humanidade. O propio Dalai Lama escapou cruzando as montañas do Himalaia ata chegar á India por pasos de montaña imposibles, evitando así o exterminio físico inminente a mans das autoridades criminais chinesas. O seu lugar final de asentamento final foi a área que hoxe compoñen as vilas de Dharamsala e McLeod Ganj, no estado indio de Himachal Pradesh. A rexión, devastada polo terremoto de 1905, ficara poboacionalmente erma e atractiva só para os indios ou colonos británicos na procura de latitudes menos calorosas. Quizais tamén a solidariedade co sufrimento e a causa tibetana axudaron no asentamento nestes lares de milleiros de refuxiados da outra banda do Himalaia, normalmente vía Nepal. A infeliz fuxida, ademais de salvar moito patrimonio cultural e literario tibetano da destrución segura, serviu asemade para incrementa-la aureola espiritual da zona, maiormente nesa tradición budista que trouxeron os tibetanos. O agromar da cultura hippie e unha maior énfase nas espiritualidades e terapias alternativas constituíron a argamasa necesaria para a constitución da actual vila de Dharamsala.

Instalacións meditativas de Vipassana Sikhara
Instalacións meditativas de Vipassana Sikhara | Fonte: Gabriel Rei-Doval

O venres 14 cheguei ó aeroporto de Dharamsala-Gaggal, un aeródromo de xoguete con voos a prezos occidentais para relaxados turistas e acomodados indios da zona. A empinada subida desde Dharamsala ata McLeod Ganj e a aínda máis alta aldea de Dharamkot transcorre por unha estrada que ningún gobernante local galaico actual aceptaría: corredoira estreita coma pista forestal anoréxica, con curvas de vertixe e pendentes de montaña tipo subida Ézaro, a experiencia devén única cando o taxista comeza a usa-lo sonoro instrumento para apartar vacas pachorrentas e amolar visitantes en descanso.

Malia a non vir eu na procura de marcha nocturna, decidín ficar un día na ruidosa McLeod Ganj, a medio camiño entre a Sé da Administración Central Tibetana e maila espiritual aldea de Dharamkot. As primeiras horas en McLeod correron entre turistas relaxados, tibetanos en uniforme granate, cheiros mesturados con arrecendos e ruídos intermitentemente continuos. Na miña ignorancia galego-americana, coidaba que podería gozar duns días de silencio nocturno formato O Baño, mais o balburdio de estímulos sonoros mesturábase coma se dunha xungla urbana se tratase.

Tiña a esperanza de que a procura do retiro, a meditación e o estrito cultivo do espírito fosen doados na tranquila aldea de Daramkot, destino meu final na zona. Mais axiña comecei a preguntarme se non estaría no certo Antón I o Sabio, mariscal verbal da Fonsagrada, en que a reclusión espiritual en Samos, Oseira ou Sobrado dos Monxes era máis sensata, barata e igualmente efectiva. Abofé que os ouveos e ladridos caninos nocturnos, o chiar estrondoso e continuo de monos pardo-cinza, os ritmos de discoteca oriental de bar de aldea e mailas diarias bombas de palenque e petardos nocturnos do rueiro parecían darlle a razón ó sabio das pesas e medidas verbais.

Aínda máis razón lle dei a Antón I o Sabio ó entrar nas espartanas instalacións meditativas de Vipassana Sikhara, con comodidades a medio camiño entre cuartel de instrución franquista e campo de concentración nazi. Claro que ninguén me retiña en tan mega-austero lugar, alén do escuro arume harpado de Sikhara e maila promesa dun nirvana en camiño. Así que, sen máis, desprendinme das comodidades occidentais -salvo omeoprazol de maitines- e deixei na recepción como cumpría este móbil mazanceiro epistolar, alén doutros vínculos tecnolóxicos coa post-modernidade e o mundo capitalista.

Sen máis referencia cronóxica ca o sol, os días comezaron a transcorrer de vagariño mentres as articulacións, os tendóns e a musculatura se retorcían cal mosquito enchoupado en Raid, e a mente chiaba coma paxaro perdigonado a eito pola disciplina meditativa. Tódalas proxeccións da sensata racionalidade saíron en manifestación nos primeiros dous días  do retiro, preguntándose pola necesidade de erguerse ás catro da mañá e deitarse ás nove e media da noite tras longas horas en nobre silencio, enfoque na respiración e sensacións corporais e austeros almorzo, xantar e cea de estricto seguimiento alimentario indio. O harmónico e equilibrado bilingüismo anglo-hindú, máis xustificado ca o seu homólogo galaico, axudaba a producir un aínda maior alleamento cultural, emocional e espiritual, que só o amable mestre e o nada barbado gurú axudaban a modular.

Sei que hai ashrams menos esixentes e espartanos na globalidade espiritual pero, como diría o cantor, que lle vou facer se eu non nacín no Mediterráneo. Endebén, os días pasaron e suaviza-la rixidez postural axudou a concentrarse na técnica meditativa, nivel soleira esixible a occidental non afeito ó oriental lotto. As condicións eran xa abondo retadoras e espartanas no verdor cinguido de Dharamkot, entre densamente plantados piñeiros, alomenos tan escuros coma os seus irmáns galaicos. Todo axudaba a construí-lo reto e obrigaba ó refuxio e desenvolvemento interior, sen deixar apenas intuír a beleza paisaxística exterior que había agromar trala pronta volta ó mundo exterior.
Dez días despois os tempos foron chegados para o remate do nobre silencio meditativo, co que xurdiron vaguidades vellas con persoas novas ata entón só intuídas. Hai quen di que as complicidades humanas xorden como compensación ou sanación de feridas pretéritas, pero un ás veces non sabe se el non será a simple danza de almas compatibles o que leva a crear amizades novas, tamén na conclusión de reclusións meditativas. Non sei que pensarán Santosh, Debashis, Vikram e Purnimansd, pero eu coido que foi sobre todo o verdor cinguido de Dharamkot o que nos xuntou e fixo compartir aventuras interiores e quen sabe se creará outras exteriores. O caso é que aquel presente cinguido tivo cumprido fin mércores 26. O futuro, ou non existe ou é cando menos ignoto, e as harpadas e cinguidas historias posteriores de Dharamkot, ben que corresponden a este mesmo lugar, pertencen xa a un tempo diferente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta