"Isto é un roubo"

O presidente do CD Boiro ameaza con retirar o equipo da competición despois do 2-2 co Guijuelo en protesta polas arbitraxes: "Non vou consentir que nos rouben desta maneira". A Garda Civil tivo que intervir e detivo un seareiro local despois da provocación dun rival tras marcar o empate.

Por gcdeportes | Boiro | 02/11/2016 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

“Isto é un roubo. Acábannos de roubar dous puntos. E a semana pasada, outros dous. E van catro puntos, en dous partidos catro puntos son moitos puntos. Isto é o que está pasando co Boiro. E como sigan así, o Boiro vaise retirar da competición”, laiouse David Places.

Gañaban os de Fredi Álvarez 2-0 a quince minutos do final, con goles de Pedro Beda de penalti no minuto 20 e de Romay coa testa no minuto 70. O árbitro, o madrileño Alberto Villoria Linacero, sinalou no minuto 79 un penalti moi protestado, e Pino marcou o 2-1. Tan só tres minutos máis tarde, Raúl Ruíz fixo o definitivo 2-2 e provocou á bancada mandándoa calar. "En el minuto 84 el jugador (7) Ruiz Matarin, Raul fue amonestado por el siguiente motivo: hacer gestos exaltados, irrisorios y provocadores hacia el público al celebrar un gol", recolleu o árbitro na acta.

Un espectador saltou ao céspede coa suposta intención de agredir e Raúl Ruiz, e a Garda Civil e a Policía Local tiveron que intervir para detelo. O partido continuou con brusquidade, e ao remate, de novo intentos de agresión ao autor do empate dende a bancada. Así o recolleu o árbitro madrileño na acta do partido: "Lanzar objetos: a la finalización del encuentro, cuando el jugador número 7 del equipo visitante se dirigía al túnel de vestuarios fue alcanzado por un objeto que no pude identificar desde la grada procedente de un aficionado local que fue identificado por los cuerpos de seguridad que se encontraban en el estadio. También a mi entrada fui alcanzado por dos esputos en la cara procedentes de dos aficionados del equipo local. No hubo ninguna otra incidencia más".

Raúl Ruiz, do Guijuelo, manda calar á afección do Boiro tras marcar o empate.
Raúl Ruiz, do Guijuelo, manda calar á afección do Boiro tras marcar o empate. | Fonte: @clubdepguijuelo

“A afección do Boiro é a máis tranquila que hai. Aquí é a primeira vez que pasa algo, e se pasou foi por algo”, dixo o presidente do CD Boiro, David Places, quen recoñeceu que a Garda Civil detivo a un seareiro do Boiro e que houbo dúas denuncias por un suposto intento de agresión (un afeccionado golpeo co xersei a Raúl Ruiz cando marchaba cara a vestiarios).

“Isto é o que levo denunciando dende hai tempò. Isto xa se podía ter arreglado, pero a Federación nin siquera contesta os correos que o Boiro lle manda. Polo menos que contesten. Porque se non contestan desta forma, pois ao mellor haberá que mandarlle un burofax e ir por outra vía”, dixo Places en declaracións á Radio Galega.

“O que fagan os demáis a min dame igual. Eu teño que mirar polo Boiro e polos intereses do Boiro. Se isto vai seguir así, ao mellor o Boiro vaise retirar da competición. É o máis probable. Eu no me quento no momento, e cando digo unha cousa, fágoa. Se non nos queren, terémonos que marchar. Eu o que non vou consentir é que nos rouben aquí desta maneira, como fixeron hoxe”.

Tralo empate co Guijuelo na 12ª xornada e á espera do resto de partidos de hoxe, o Boiro suma 13 puntos, catro por riba dos postos de descenso, que marca o Racing de Ferrol. No outro partido adiantado, o Coruxo venceu 3-1 ao Mutilvera e suma xa 17 puntos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta