O Fondo Galego intégrase na Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional

A nova alianza constituída en Lisboa une entidades de distintas autonomías de España, de Italia, Holanda e dos países lusófonos a prol dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2016 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de unirse á Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional canda outras oito entidades integradas por municipios de distintas comunidades autónomas de España e de Italia, Holanda, Portugal e outros países lusófonos. O obxectivo é desenvolver estratexias comúns para contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU para loitar contra a pobreza e as desigualdades.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no Seminario Internacional 'Autoridades locais rumbo a 2030'
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no Seminario Internacional 'Autoridades locais rumbo a 2030' | Fonte: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Os principais obxectivos da nova alianza constituída en Lisboa son fomentar a aprendizaxe mutua entre as distintas redes municipalistas dedicadas á cooperación a través do intercambio de experiencias, mellorar a articulación entre elas e fomentar a creación doutras, así como dialogar coa Comisión Europea e outros organismos internacionais para implementar iniciativas comúns a prol dos ODS,

Alén do Fondo Galego, forman parte desta alianza o Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional, o Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo, o Fondo de Entidades Locais para a Cooperación Descentralizada (Umbria), o Fondo Provincial Milanés para a Cooperación Internacional, a Federación Italiana das Redes Territoriais para o Desenvolvemento, o Consello Nacional para Parcerías das Cidades entre Países Baixos e Nicaragua (LBSNN), a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, e a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa.

A vicepresidenta do Fondo Galego e concelleira en Redondela, Teresa París, foi a encargada de asinar o acordo no marco do Seminario Internacional 'Autoridades locais rumbo a 2030: diálogos para o desenvolvemento', ao que asistiu a finais da semana pasada canda o mediador intercultural do Concello de Ames, Leonardo Pena, e persoal da Secretaría Técnica. O Fondo Galego foi convidado a presentar as súas boas prácticas en materia de comunicación para o desenvolvemento, que espertaron especial interese entre participantes de Estremadura, Italia e Alemaña.

Representantes da Comisión Europea, do Programa de Desenvolvemento das Nacións Unidas, de gobernos nacionais e locais, das ONGD, do mundo académico e do sector privado déronse cita na capital lusa. O evento foi parte da segunda fase do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento, centrada na promoción da educación para a cidadanía global, onde o Fondo Galego participa canda o Instituto Marquês de Valle Flôr, os municipios tamén portugueses de Loures e O Seixal, a ONGD alemá Fine+p e a fundación holandesa LBSNN. Dentro deste proxecto xa se organizara un foro internacional en Pontevedra e o Fondo Galego tamén actuara como referente na promoción das redes de cooperación descentralizada durante a primeira fase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta