Científicos galegos avanzan no uso dunha planta africana con propiedades antitumorais

Investigadores do CiQUS, da Universidade de Santiago, presentan un novo método de síntese para obter a Englerina A, composto de orixe natural eficaz contra cancros renais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/11/2016 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Un equipo do CiQUS, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) publica na revista Angewandte Chemie un novo traballo no que se presenta unha forma moi eficiente de acceso á Englerina A —un produto natural derivado do Phyllanthus engleriunha, unha singular planta que se pode atopar no leste de África—, que é eficaz na inhibición potente e selectiva do crecemento de células tumorais no ril, pero cuxo illamento segue sendo moi custoso. 

Imaxe dun 'Phyllanthus engleri' á beira do río Mazoe, no nordeste de Zimbaue
Imaxe dun 'Phyllanthus engleri' á beira do río Mazoe, no nordeste de Zimbaue | Fonte: Bart Wursten, 'Zimbabwe flora'.

Os científicos galegos, liderados polo profesor José Luis Mascareñas e por Fernando López, do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), presentan agora un método eficiente de acceso á Englerina A mediante 17 etapas sintéticas, cun rendemento global do 11%. Asemade, segundo informa a USC, os científicos puideron acceder por primeira vez aos codiciados análogos, a través de variacións estruturais en determinadas zonas da molécula que nunca antes foran exploradas.

A Englerina A é un produto natural derivado do Phyllanthus engleri, unha planta que só se atopa no leste de África e que nos últimos anos ten atraído a atención de químicos, biólogos e médicos pola súa eficacia na inhibición potente e selectiva do crecemento de células tumorais no ril. Non obstante, e malia as súas bondades terapéuticas, o seu illamento segue sendo moi custoso e ineficaz a causa do seu escaso arraigamento natural, exclusivo de contadas rexións de Tanzania, Zambia, Malawi, Zimbabue ou Mozambique. 

Consecuentemente, o interese por atopar novas formas de sintetizar a Englerina de xeito sinxelo e eficiente ten multiplicado os esforzos dedicados pola comunidade científica. Traballos recentes observaron o comportamento deste composto, describindo o seu modus operandi en tecidos renais e demostraron que esta substancia é capaz de unirse a uns receptores situados nas membranas das células tumorais e desencadear unha entrada masiva de ións calcio no interior da célula, o que provoca a morte desta. Na actualidade, os investigadores afánanse en atopar moléculas moi semellantes que poidan chegar a ser igual de potentes causando unha menor toxicidade, ás que se coñece como análogos estruturais. 

PATENTE

O acceso mediante o método descrito polos científicos galegos a estes novos análogos facilitará o estudo en profundidade dos mecanismos biolóxicos empregados por este tipo de moléculas anticanceríxenas, algo que xa ten aberto liñas de colaboración con outros grupos a nivel estatal e internacional.

Ademais, e ante a previsible utilidade dos análogos que se poderían obter, o grupo solicitou unha patente para protexer a ruta sintética desenvolvida: unha estratexia adaptable, sinxela e eficiente que os científicos esperan poder trasladar ao deseño doutras moléculas da mesma familia que a Englerina (Sesquiterpenos Guaianos), que xa teñen demostrado un interesante comportamento biolóxico. 

A Englerina A foi sintetizada por primeira vez en 2009, e dende entón distintos grupos de investigación de todo o mundo lograron deseñar os seus propios métodos –ou rutas sintéticas– para obtela. "O que diferenza esta aproximación das anteriores é a súa simplicidade, xa que a nosa estratexia permite obter a molécula en moi poucas etapas", explican os investigadores.

Para Ronald Nelson, primeiro autor do traballo desenvolvido polo grupo MetBioCat do CiQUS da USC e no que tamén participa Moisés Gulías, este novo método "non é soamente sinxelo, senón que permite sintetizar análogos estruturais da Englerina A que ata agora eran totalmente inaccesibles: fomos quen de modificar a estrutura da molécula en puntos aínda inexplorados, onde nunca ninguén antes puidera facer cambios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta