A UVigo, a máis transparente das universidades galegas

A Universidade de Vigo sitúase entre as sete universidades do Estado con maior índice de transparencia. A de Santiago tamén supera o exame da Fundación Compromiso e Transparencia, mentres que a da Coruña se sitúa no grupo de universidades translúcidas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/11/2016 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A UVigo é a universidade galega máis transparente e atópase entre as máis destacadas en toda España no informe ‘Transparencia e bo goberno das universidades. Exame de transparencia 2015’, que vén de publicar a Fundación Compromiso e Transparencia e no que se analiza o nivel de rendición de contas á sociedade que ofrecen a través das súas páxinas web institucionais as 49 universidades públicas en España, así como 31 institucións académicas privadas. No informe tamén destaca a Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se sitúa no grupo de 25 universidades que cumpren todos os criterios de transparencia. Porén, A Coruña sitúase no chamado grupo de universidades "translúcidas", isto é, aquelas que cumpren cando menos 15 dos 26 indicadores analizados.

Así, un primeiro grupo de cinco universidades lidera a clasificación con 26 puntos (o 100% de transparencia): Universidad de Alcalá, Universidad de Cantabria, Universidad de Córdoba, Universidad Pompeu Fabra eUniversidad Rey Juan Carlos. Este grupo é seguido por dúas universidades que acadan 25 de 26 puntos posibles: Universidade de Vigo e Universidad de Cádiz. A Universidade de Santiago, canda a de Jaén, atópase no sexto grupo, con 21 puntos. Xa entre as universidades translúcidas atópase a Universidade da Coruña.

Resultados do informe ‘Transparencia e bo goberno das universidades. Exame de transparencia 2015’
Resultados do informe ‘Transparencia e bo goberno das universidades. Exame de transparencia 2015’ | Fonte: Fundación Compromiso e Transparencia.

En total, 25 universidades públicas, das 49 que conforman a mostra, obtiveron este ano a cualificación de transparentes, e 31 universidades cumpren 20 ou más indicadores dos 26 totalis. En xeral, o informe dálle un notable alto ás universidades, que en conxunto acadaron un cumprimento medio do 78% nos 26 indicadores analizados e relativos ás diferentes áreas do funcionamento das institucións académicas.

A metodoloxía empregada pola Fundación Compromiso e Transparencia para a realización deste estudo e a posterior elaboración do seu ránking de transparencia universitaria contempla a información dispoñible nas páxinas web de cada institución relativa a 26 indicadores agrupados en nove categorías xerais: misión, plano estratéxico, persoal, goberno, oferta e demanda académica, claustro, alumnado, información económica e resultados (académicos, de I+D+i, empregabilidade, grao de internacionalización...).

AS PRIVADAS, MÁIS OPACAS

Mentres as universidades públicas aproban con notable alto este exame de transparencia, as institucións académicas de titularidade privada avanzan máis lentamente e mostran índices altos de opacidade. En todo caso, mentres no informe de 2012 se clasificaban como opacos todos os centros privados, na presente edición un 8% xa son transparentes e un 34%, translúcidos. Ademais, os centros privados acadaron por vez primeira este ano un 53% de cumprimento medio de todos os indicadores establecidos. Aínda así, cómpre salientar que o último informe da Fundación Compromiso e Transparencia clasifica como translúcidas 17 universidades públicas e 8 centros privados, mentres que outras 23 institucións académicas (8 universidades públicas e 15 privadas) están tipificadas de opacas neste ránking.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A UVI debera darlle clases ao alcalde de TRANSPARENCIA (como sigan asinando convenios co Concello -Campus do Mar- é moi probable que se vexan arrastrados á zona opaca da táboa no futuro!) // Dime con quen andas e direiche como acabas... // http://cabozo.com/taboext.php?grupo...